A Xunta propón aos sindicatos de xustiza celebrar unha mesa sectorial a próxima semana

As centrais sindicais sinalan que, mentres estea convocado o paro, o comité de folga é o órgano de negociación

 

Manifetación de funcionarios de Xustiza. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Manifetación de funcionarios de Xustiza. XOÁN REY (EFE)

A Xunta proporá aos sindicatos de xustiza celebrar unha mesa sectorial a próxima semana para pechar o conflito no sector que permanece en paro indefinido desde o pasado 7 de febreiro aínda que o comité de folga acordou o pasado martes, día 9 de maio, a súa "interrupción". Diso informaron este venres fontes da Vicepresidencia da Xunta, que explicaron que, polo momento, aínda está por determinar o lugar e a data deste encontro. 

Este chamamento foi recibido con cautela por parte da maioría das organizacións sindicais de xustiza, que coinciden en que, mentres estea convocado o paro, o comité de folga é o órgano de negociación. Só UXT asegura que é "o que viñan pedindo" e avanza que "presentará unha proposta integradora" nesta cita. 

En primeiro lugar, o presidente do comité de folga, Julio Bouza (SPJ-USO), defendeu que o órgano de negociación é o que o preside tendo en conta que "está a folga vixente". Con todo, recoñeceu que o seu sindicato "non rexeitará acudir a ningunha mesa". "No momento no que estamos válenos calquera foro para falar pero o seu é o comité de folga, constituído legalmente", sinalou. 

Pola súa banda, Pablo Valeiras (Alternativas na Xustiza-CUT) asegurou que sería unha "ilegalidade" negociar neste órgano mentres estea a folga convocada e avanzou que levará o asunto aos servizos xurídicos do seu sindicato. Un aspecto no que profundou Óscar Freixedo, da CIG, que subliña que "non sería legal tratar calquera punto dos reivindicados polo comité nunha mesa sectorial". "Sería unha fraude de lei", incide.

"PECHE", NO COMITÉ. "Nós celebramos que a Xunta nos chame pero cremos que a mesa sectorial non é o foro adecuado. Se nos convocan, iremos; pero o peche da folga ten que producirse no comité", apuntou o portavoz de STAJ, Enrique Araújo. Pola súa banda, tal e como explicou Manuel Vale, CSIF levará a petición da Xunta a asembleas internas. Con todo, lembra que esta organización asumiu o non dos traballadores á oferta actual da Xunta e continúan no comité. 

Ademais, aínda que non está presente nel, CC OO tamén recoñeceu que lle corresponde ao "comité" pechar o conflito que, a xuízo de Constantino Novoa, "ten que terminar dunha vez". "Se é unha mesa sectorial iremos pois somos membros de pleno dereito e, se optasen por chamar ao comité, e se nos convidan a ir, estaremos nel", sinalou antes de incidir en que "a folga non pode estar suspensa sine die". 

En concreto, no comité de folga están representados neste momento SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, STAJ, CISF e CIG, tendo en conta que CC.OO. manifestou esta semana a súa vontade de abandonar este órgano. 
 

Comentarios