A Xunta sanciona a Adif cunha multa de 45.000 euros polos dous vagóns que tirou ao Sil

A Consellería de Medio Ambiente apunta á intencionalidade, pois a entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Transportes omitiu as súas obrigacións de control e vixilancia
Vagones caídos al Sil. EFE
photo_camera Vagones caídos al Sil. EFE

A Xunta resolveu sancionar a Adif cunha multa de 45.000 euros como responsable da comisión dunha infracción grave polos dous vagóns que tirou ao río Sil en 2020, no termo municipal de Carballeda de Valdeorras. 

En concreto, segundo informan fontes da Consellería de Medio Ambiente, múltaselle en relación coa lei de residuos e chans contaminados. Os feitos están tipificados como infracción grave no artigo 46,3.c da devandita norma. 

Pola súa banda, o artigo 47.1.b establece as sancións que se poderán impor por esas infraccións graves e prevé unha multa desde 901 euros ata 45.000 euros. 

No presente caso, a consellería subliña que "queda acreditada suficientemente a concorrencia de elementos" para determinar a súa gravidade. En concreto, apunta á intencionalidade, pois "Adif, en canto titular da vía onde descarrilaron os vagóns, omitiu as súas obrigacións de control e vixilancia e permitiu a vertedura dos vagóns, sen medidas de control ambiental algún". 

Ademais, advirte de que é unha entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Transportes "que debe ser coñecedora das obrigacións establecidas na normativa aplicable respecto da xestión dos residuos". 

Tendo en conta que se produciu nun espazo natural protexido dentro da Rede Natura 2000, "procede impor unha sanción de 45.000 euros, sanción debidamente xustificada e graduada", conclúe. 

Comentarios