A Xunta sinala que a 'fichaxe' de Calderón servirá para impulsar o Camiño

O deportista peregrinará en agosto polo Camiño de Inverno nunha iniciativa impulsada por Monbus Obradoiro coa colaboración da Xunta de Galicia
Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera José Manuel Calderón. ARCHIVO

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, presentou este xoves a sexta edición da iniciativa El Camino acaba en Obradoiro impulsada por Monbus Obradoiro en colaboración coa Xunta de Galicia. Trátase dun proxecto que permite potenciar os vínculos entre o deporte e a Ruta Xacobea e que este ano fichou ao coñecido deportista José Manuel Calderón co obxectivo de reactivar a peregrinación polo Camiño de Inverno. 

O titular de Cultura e Turismo en funcións subliñou a importancia de contar con aliados da talla de José Manuel Calderón “para divulgar os valores xacobeos e enxalzar a imaxe da nosa terra”. Neste sentido, engadiu que ao longo da traxectoria do deportista “podemos atopar valores como o esforzo, o compromiso ou o compañeirismo” que tamén están moi presentes na peregrinación. “Son valores que invitan ao entendemento entre as persoas, e que se farán visibles neste proxecto, que contribuirá a reactivación do Camiño”, explicou.

 A súa experiencia será recollida nun documental que promocionará a imaxe de Galicia na antesala da celebración do Xacobeo 2021

A iniciativa, presentada nun acto no que tamén estiveron Lupe Murillo, conselleira do Monbus Obradoiro, e Emilio Barreiro, director territorial de Caixabank en Galicia, basease en catro obxectivos: facer un documental da personaxe, homenaxear ao xogador, así como a xeración de ouro do baloncesto español á que pertence, promocionar a imaxe de Galicia e recadar fondos para fines solidarios. 

Concretamente, os fondos desta sexta edición destinaranse a apoiar a educación integral dos mozos a través do baloncesto e permitindo a posibilidade de incorporar programas na canteira do Obradoiro CAB para xoves promesas do baloncesto, independentemente da súa realidade social. 

Pola Ribeira Sacra

El Camino acaba en Obradoiro empezou a celebrarse no ano 2015 centrándose en cada ocasión nunha ruta diferente. O protagonista desta edición percorrerá o Camiño de Inverno, un itinerario cun importante potencial de crecemento ante a candidatura de Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial no 2021 e que conta cun patrimonio natural e etnográfico excepcional. 

“Calderón, igual que os resto de peregrinos que elixen este Camiño, poderá gozar durante a súa experiencia de paisaxes de enorme riqueza como a Ribeira Sacra a un ano vista do seu agardado recoñecemento por parte da Unesco”, salientou Román Rodríguez. 

Ao respecto, lembrou que o seu departamento está dedicando importantes recursos a este trazado, no que este ano inviste 1,5 millóns de euros en accións de sinalización, acondicionamento e mellora: “Estamos convencidos que co noso esforzo e con colaboradores como o Obradoiro e Calderón conseguiremos fomentar e impulsar as riquezas deste importante trazado”. 

Desde Monforte de Lemos

O deportista comezará o seu percorrido polo Camiño de Inverno o luns 3 de agosto, cando partirá desde Monforte de Lemos ata Chantada. A continuación peregrinará ata Rodeiro para seguir avanzando, xa o mércores, ata Silleda. Na última etapa, percorrerá o tramo entre Ponte Ulla e Compostela. Durante a súa travesía está previsto que o acompañen figuras do deporte como Juan Antonio Corbalán, protagonista da segunda edición deste proxecto, Amaya Valdemoro, participante na pasada edición ou  Moncho Fernández, adestrador do Monbus Obradoiro. 

A primeira edición de El Camino acaba en Obradoiro celebrouse no 2015 coa figura de Terry Porter percorrendo o Camiño Francés desde Sarria. Un ano despois, o ex xogador de baloncesto Juan Antonio Corbalán peregrinou ata Compostela polo Camiño Primitivo. Tras eles chegaron Nikos Galis, a través do Camiño Inglés no ano 2017, e Aleksandar Petrovic, que peregrinou polo Camiño Portugués en 2018. O pasado ano protagonizou a experiencia Amaya Valdemoro, que completou a Vía da Prata desde a cidade de Ourense. 

Un referente dentro da pista

José Manuel Calderón é un dos xogadores de baloncesto español máis importantes das dúas últimas décadas, un referente tanto na pista, onde ata a data é o xogador con máis tempadas consecutivas na NBA, como fóra dela, onde é frecuente velo colaborando con distintas asociacións con fines solidarios. 

Pertencente a coñecida como “xeración junior de ouro”, José Manuel Calderón foi un dos primeiros xogadores en disputar na NBA e no seu destaca o Mundial de 2006, o Campionato de Europa de 2011 ou as medallas de prata nos xogos olímpicos de Pekín e Londres e a de bronce en Río. Ademais, a título individual ostenta o récord de mellor porcentaxe de tiros libres nunha tempada da NBA tras anotar 151 dos 154 lanzamentos na 2008/2009.

Comentarios