Xurro, enerxía en espera

Coren agarda a obrigada reforma estatal do sistema de primas a esas plantas de tratamento para decidir se é "posible" reabrir a única galega
Instalacións de tratamento de xurros de Sarreaus, agora paradas
photo_camera Instalacións de tratamento de xurros de Sarreaus, agora paradas

O recorte de primas ás plantas que producen enerxía a partir do xurro porcino xerou en 2014 un regueiro de peches por toda España. Igual que, en 2016, as resolucións do Tribunal Supremo que obrigan a revisar o minguado sistema de retribucións levou a falar dunha sucesión de proxectos de reapertura. Con todo, á espera de que o Goberno saque á luz esa reforma —en proxecto—, as plantas en funcionamento son unha pequena parte das que foron. Dous terzos das 33 localizadas en España están paradas, incluida a única que existiu en Galicia.

E a que impulsaron Coren e Caixa Galicia en 2007 en Sarreaus, que está sen actividade. Ou en stand by. "Unha vez que coñezamos cal será a contía da prima e se é suficiente para facer viable a planta decidiremos se é posible reabrila ou non", asegura a cooperativa ourensá, que reivindica que as retribucións recoñezan "o papel medioambiental" exercido por unhas instalacións que evitan danos provocados polo xurro. E demanda que sexan "razoables e suficientes" para permitir a súa viabilidade.

As instalacións de Sarreaus, cuxo peche afectou a máis de 100 explotacións, obtiñan 15.000 toneladas de abono a partir 110.000 de residuos


De momento segue pendente do Ministerio de Energía, que xa ten unha proposta de orde sobre o sistema de primas a esa produción eléctrica, pero aínda non a aprobou. Está obrigado a facelo polas sentenzas do Supremo que declararon nulos algúns puntos do sistema aprobado en 2014 cun recorte das primas ás enerxías renovables e subliñaron que esa orde ignorou as singularidades que se recoñeceran antes a ese tipo de plantas con respecto ás de coxeneración. O tratamento previo fora o que facilitara a apertura desas instalacións en distintos puntos de España, con especial presencia en Castilla y León, Cataluña e Aragón.

MODELO. No caso de Sarreaus, a creación do Centro Tecnolóxico Medioambiental requiriu un investimento de máis de 20 millóns de euros nunha localización que non foi nada arbitraria. A concentración de explotacións porcinas de Coren na Limia aseguraba un abundante subministro de xurro para a planta, deseñada para obter fertilizantes e enerxía. Así, podía procesar 110.000 toneladas de residuos gandeiros e obter delas 15.000 de fertilizante orgánico ao ano. No proceso xerábase enerxía térmica para secar ese produto e electricidade para vender á rede.

Con todo, fíxoo poucos anos polo seu precipitado peche, que Coren asegura que afectou a máis dun cento de explotacións. "Supuxo un importante custo engadido para as granxas, que tiveron que buscar outras alternativas para o tratamento dos residuos gandeiros", sinala. Así, tiraron de terreos para depositalos como abono "como se fixo sempre", "aínda que pola falta de terras en moitos casos tiñan que ser desprazados lonxe, ata cen quilómetros", ou botaron man de balsas de almacenamento "cun mínimo impacto ambiental".

Foron algunhas das consecuencias dun peche tralo que, ademais, a sociedade que xestionaba o centro entrou en concurso de acredores e, en 2017, en fase de liquidación. Visto o impacto do cambio do sistema de primas, Coren tamén está pendente da resolución dun recurso xudicial, no que solicita unha compensación polos "danos ocasionados" pola decisión do Goberno de variar o modelo hai tres anos.

Mentres se prolonga o stand by, o que xa se coñeceu —o martes— foi o informe da Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia sobre a nova proposta de Energía, que non lle gusta de todo. Así, amosa receos ante a idea de reducir de 25 a 15 anos a vida útil regulatoria das instalacións —o tempo en que poden percibir retribución— e avisa de que iso pode deixar 18 das 33 plantas existentes sen compensación xa ou antes de 2018.

A CNMC tamén pide un criterio "homoxéneo" nos prezos do gas natural que se teñen en conta para retribuír a operación das plantas. Queda por ver a prima final.

Comentarios