Belén Fortes: "A poesía fainos camiñar polo fío da verdade"

"Belén Fortes escribe para que podamos leernos", di o escritor Xaime Toxo no prólogo de ‘Eclipse’, o terceiro poemario da autora pontevedresa, un volume da colección ‘Nanopoesía’, de Guiverny, no que reduce os poemas ao mínimo sen facer nin haikus nin aforismos
Belén Fortes. DP
photo_camera Belén Fortes. DP

"Frente a todas las locuras,/ yo defiendo la lucidez de los versos". É un dos poemas de Eclipse, o libro que vén de publicar Belén Fortes (Pontevedra, 1967) dentro da colección Nanopoesía, da súa editorial, Guiverny. Filóloga, tradutora, editora e escritora que pertence a unha saga familiar pontevedresa de autores e xornalistas (é filla do historiador Xosé Fortes), a poeta marcouse aquí o reto de despoxar aos seus versos de todo o accesorio. "La belleza debería ir siempre delante./ Sola./ En una barca sin remos".

Na editorial dise que este poemario vai máis alá da micropoesía.

É poesía moi breve, moi sintetizada. Empeñeime en facer un libro de poemas no que, como máximo, tivesen catro versos. De aí non pasei. Con este exercicio que me autoimpuxen en Eclipse intentei saír do de sempre. Foi un reto, pero estou moi contenta co resultado.

Advirte que non son nin haikus nin aforismos.

Non son. Porque creo que hai unha certa confusión arredor disto. A pouco que un investigue en Google xa descobre que un haiku é outra cousa. Neste caso o que fixen foi darlle forma a pensamentos, a recordos, a emocións... E intentar encapsulalos. Gústame que sexa así porque penso que gañan forza, que son máis contundentes. Ao mesmo tempo, cando consegues reducir unha cousa ao esqueleto, ao chasis, resúltalle máis accesible ao lector. Móstrase máis disposto a ler isto que un poema que se alonga varias páxinas. Porque moitas veces o que fai o poeta é dislocar a linguaxe e facer malabares. E eu creo que a poesía non é iso.

Reivindica vostede a importancia do sllencio.

Disto fala Xaime Toxo no prólogo que escribíu para o libro, que é unha marabilla. O silencio é todo o que queda máis alá das poucas liñas que ten cada poema e que son as que queremos que remoa o lector. Os escritores somos animais rumiantes que queremos contaxiar diso ao lector. Porque a poesía toca algo íntimo en cada un de nós. Axúdanos a entender o importante. Algún vez referinme á poesía dicindo que tiña a obriga de contar a verdade. Mantéñoo. Para min é así. Fainos camiñar polo fío da verdade. Non chega a empurrarnos con contundencia senón que nos fai camiñar por ese fío. A premio Nobel polaca Wisława Szymborska ten dito que na prosa cabe de todo, ata poesía, pero na poesía só cabe poesía. Penso que isto é algo que non se debería esquecer nunca. Por outro lado, calquera lector sabe que non debe fiarse nunca dun narrador, fronte a el sempre hai que estar alerta, pero tamén sabe que dun poeta si se pode fiar. Xa o dixo Pessoa no seu día. A poesía é un xénero á parte, a quintaesencia da literatura. E para un poeta, a poesía é a vida enteira. Vives e respiras poesía.

Repetirse deixa a un insatisfeito. Sei que hai quen sempre está a escribir o mesmo libro. Agardo que nunca se diga iso de min

Di a editorial que estes poemas deixan "un rastro de despedida e de derrota". Ten isto algo que ver con todo o acontecido no último ano e medio?

Pois non o sei. Ao mellor si. Eu escribín este poemario porque non me gusta repetirme e porque me gusta poñerme retos. Xa fixera outros dous libros de poesía digamos que máis convencionais. Vou facer outro igual? Non, non quixen. Eu quería experimentar. Repetirse, a longo prazo, sempre deixa insatisfeito ao creador. Sei que hai xente que sempre está a escribir o mesmo libro. Eu agardo que nunca digan iso de min.

Pero sempre é moito máis arriscado andar a experimentar.

Pois diso se trata. Se non te atreves, non eres artista. Hai que coller ese sendeiro que non sabes a onde te vai levar, como dicía Rosalía de Castro. "Dende aquí vexo un camiño/ que non sei adónde vai;/ polo mismo que n’o sei,/ quixera o poder andar". Que grandísima era Rosalía. Penso que os galegos aínda non aprezamos como deberiamos a súa grandeza. Algo moi importante que aínda non dixen é que para min escribir poesía supón librar unha batalla comigo mesma, enfrontarme aos meus infernos, ao amor, á morte... Batallas contra ti mesma sabendo que esa batalla quizais poidar ser útil para outras persoas.

Cando publicou Paso a nivel sin barreras, o seu primeiro poemario, hai case dez anos, dicía sentirse "un pouco furtiva da poesía". E hoxe?

Hoxe menos. Precisamente neste poemario, se hai algún tema que toco máis, é o da poesía. "Igual que un niño garabatea/ a escondidas/ en las paredes de su casa,/ así escriben sus versos los poetas". Ou "La poesía es la leña/ que guardamos para el invierno".

Case semella ir á procura dunha definición. Eu escribo moito, pero tamén leo moito. E son unha lectora moi precoz. Nacín nunha casa chea de libros. Na miña familia hai moita xente que se adica a escribir, como sabes. Eu tardei en atreverme a publicar, pero sendo moi pequena xa me gustaba moito a poesía. Aprendía os poemas de memoria case sen querer. Recordo unha viaxe con 14 anos a Lisboa coa miña irmá na que ía no vagón do tren recitando poemas de memoria. Algo marabilloso é ver que é algo que nos vai no ADN porque o meu fillo pequeno tamén escribe poesía e é bestial.

Puxo en marcha a editorial Guiverny en 2010 case como unha aventura. Que balance fai hoxe do selo?

Unha aventura que tanta ilusión me facía e que tan difícil me parecía. Eu viña coa bagaxe de ser filóloga, de ter traballado como directora editorial en Sotelo Blanco, certo, pero tamén tiña reparos. Ata que me dixen, agora ou nunca. Fomos pouco a pouco e aquí estamos, máis de dez anos despois. E unha editorial pequena, pero que segue adiante. Antes de rematar o ano publicaremos outro título e xa temos plans para 2022, que vai ser un ano moi potente.

Comentarios