De estrellas y películas caseras

Enrique Iglesias y Anna Kournikova
photo_camera Enrique Iglesias y Anna Kournikova

O cantante Enrique Iglesias e a súa moza, a tenista Anna Kournikova, son dous famosos máis que decidiron facer iso que tanta sona deu a uns e tantas dores de cabeza a outros: filmarse practicando sexo. Así o recoñeceu o fillo de Julio Iglesias nun programa de televisión e que recolleu a web labotana.com.

Na entrevista, Iglesias falou da súa longa relación coa estrela do deporte e recoñeceu que, “como fai moita xente nalgún momento das súas vidas”, gravaron unha cinta recollendo algúns dos seus encontros sexuais. “É unha forma de ter un recordo deses momentos. É algo habitual entre as parellas”, declarou o cantante.

Porén, o cantante de Experiencia religiosa recoñeceu que lle daría pánico que as imaxes acabaran na Rede. “Teño os vídeos moi ben gardados e creo que é imposible que acaben circulando por internet”, asegurou.

Pola súa banda, unha das compañeiras de profesión de Iglesias, Britney Spears, está lamentando fondamente facer un vídeo de sexo caseiro co seu ex Adnan Ghalib, xa que este pretende vender a cinta ao mellor postor. Spears, que disque está desesperada, está decidida a levar aos xulgados o que fora o seu mozo, xa que non quere que as cintas vexan a luz, e menos agora que está intentando reconducir a súa vida.

Finalmente, Pamela Anderson está exactamente na mesma posición que Britney desde hai unha semana. Segundo varios dixitais, o home que podería saír na cinta coa ex vixilante da praia é un escenógrafo do espectáculo de maxia no que traballou nas Vegas.

Novo amor de Sharapova

A tamén tenista Maria Sharapova, que ademais do oficio comparte con Kournikova a sona de ser unha das tenistas máis belas, refixo a súa vida sentimental con Charlie Ebersol, o fillo do millonario que preside a NBC Sports & Olympics. A que fora parella de Andy Roddick e do cantante Maroon 5, Adam Levine, foi pillada co seu novo amor por uns paparazzi.

Cara, para Cicciolina; cruz, para Stone

Illona Staller, alias Cicciolina, conseguiu nos tribunais a tutela do seu fillo co pintor norteamericano Jeffrey Lynn Koons. A ex deputada italiana e ex actriz porno logra así que o rapaz de 16 anos viva con ela. Por outra banda, o xoves filtrouse a sentenza do xuízo no que Sharon Stone perdeu a custodia do seu fillo Roan. Nela dise que Stone quixo inxectar bótox ao pequeno porque lle cheiraban os pés, que o deixa a miúdo con terceiras persoas e está obsesionada coa súa saúde.

A sinceridade de Mickey Rourke

O actor Mickey Rourke confesou tras a estrea do seu último filme en Nova York que cambiou de vida tras uns anos moi duros por mor das drogas porque pensou que “ou mudaba os seus costumes” ou remataba por pegarse un tiro na cabeza. “Reaccionei cando o perdín todo e só me quedaba ser o anaco de merda que era ou empezar de novo”, confesou á prensa. “Agora sei o que é ser profesional e responsable”, engadiu puntualizando que antes esas palabras non existían no seu vocabulario.

¿Reconciliación?

A revista Cuore faise eco no seu último número dun rumor cada vez máis estendido: que a presentadora de Sé lo que hicisteis, Patricia Conde, e o cantante de El Canto del Loco, Dani Martín, poderían estar xuntos de novo. Os seus achegados xa comentaran tras a súa ruptura que non descartaban unha reconciliación porque estaban moi namorados. Ademais, os comentarios comezaron a circular cando Martín asistiu á estrea dunha obra de teatro na que participa a loura.

Comentarios