Estados bálticos

O recente partido contra a selección nacional letona, os abraiantes acontecimentos cando uns mozos da nosa Península roubaron unhas bandeiras dalí provocando un conflito diplomático e -para min, máis persoalmente- a miña feliz intervención no Festival Internacional Primavera de Poesía en Lituania, tráenme á actualidade e á cabeza ós tres pequenos estados bálticos.

Con todo un longo e esforzoso camiño histórico pasando de mans alemás a suecas, polacas e finalmente soviéticas ata a súa devecida independencia, as feridas aínda proen en Estonia, Letonia e Lituania. Os intelectuais, os rebeldes, os pensantes, eran deportados a Siberia coma un método cruel para afastar as súas voces. Hoxe en día a lenta pero ilusionante reconstrucción empeza a lucir os seus orgullosos froitos.

Luteranismo, catolicismo e restos de igrexa ortodoxa rusa conviven con desiguais repartos por todo o territorio destes nórdicos países. Influencia das correntes arquitectónicas occidentais compartindo espazo tamén con lembranzas da arquitectura soviética. Diversas combinacións de patata con carne, ou arenque e ensaladas, ensaladas a todas horas, debuxan a gastronomía destas rexións tan pouco coñecidas pero á vez tan paraísos por descubrir.

Todo regado por unha cervexa que os fai sentirse realmente fachendosos.

Modestos e amigables, tranquilos e respetuosos, os habitantes duns países que –a pesar dos -40 no inverno- poden alcanzar os 32 só en maio estannos agardando con moito por aprezar.

Comentarios