Hay adioses que terminan en ''hasta luego''

Sean Penn e Robin Wright
photo_camera Sean Penn e Robin Wright

Os actores Sean Penn e Robin Wright retiraron a demanda de divorcio que tiñan pendente tras iniciar a súa reconciliación no que supón unha nova oportunidade para o seu matrimonio, froito do cal teñen dous fillos, Dylan, de 17 anos, e Hopper Jack, de 15.

Tal e como recolleu a edición dixital de Hola, a parella reapareceu xunta na estrea de What just happened?, o novo filme do actor. Os intérpretes chegaron á premiere da cinta en Nova York collidos da man e amosáronse moi agarimosos no acto, no que estiveron acompañados por Robert de Niro, íntimo amigo de Penn.

Este matrimonio intermitente sufrira a súa primeira crise a mediados dos 90, cando decidiron pasar unha tempada separados para aclarar os seus sentimentos. Tras aquela interrupción decidiron casar e coidar os seus fillos xuntos. A segunda crise do matrimonio fora moito máis soada, pois Wright pillara a Penn con dúas mulleres rusas no cuarto dun hotel cando os dous facían unha viaxe romántica.

Segundo fontes achegadas á parella, os actores están decididos a superar os seus problemas mediante o diálogo e deixar atrás os seus problemas anteriores polo ben deles e dos seus fillos. Segundo a páxina web americana icydk.com, especializada no cuxé, Penn e Wright son moi felices tras esta reconciliación.

¿Volveron Fonsi e Ariadne?

A pesar de que anunciaran nun comunicado que xa non estaban xuntos, a modelo Ariadne Artiles e o piloto Fonsi Nieto poderían estar vivindo un novo achegamento. Segundo vanitatis.com, a ex parella asistiu ao aniversario de Fiona Ferrer, que, sorprendida polo comportamento, lles preguntou: “¿Pero vos estades xuntos ou non?”

A resposta é toda unha incógnita, pero o que si se revelou foi que Artiles saíu da festa protexéndose do frío coa americana do seu ex, co que charlou animadamente durante a esmorga, o que espertou os rumores de reconciliación.

Novo amor de Minogue

A cantante australiana Kylie Minogue asistiu acompañada polo modelo español Andrés Velencoso a unha festa organizada por Dita von Teese. Segundo recolle vanitatis.com, os asistentes recoñeceron que o manequín e a estrela, ademais de facer moi boa parella, foron os auténticos protagonistas da esmorga, eclipsando a propia anfitrioa. Segundo algúns medios, os mozos coñecéronse grazas a Jean Paul Gaultier, que deseñou a roupa da última xira de Minogue.

Os intereses da Casa de Alba
Os seis fillos da duquesa de Alba aseguran que “non iniciaron procedemento xudicial ningún para incapacitar a súa nai, a quen respectan profundamente”. Nun comunicado remitido a Efe por un despacho de avogados que os representa, Carlos e Jacobo Fitz James Stuart e Alfonso, Fernando, Cayetano e Eugenia Martínez de Irujo aseguran ademais que todos eles “manteñen unha posición unánime para preservar a honra e a intimidade do seu ámbito familiar e os intereses da casa de Alba”.

'A solteiría é boa'
A actriz Drew Barrymore asegurou que se atopa feliz e centrada nas súas prioridades tras a súa ruptura o pasado xullo coa súa parella Justin Long, segundo unha entrevista editada por Harper’s Baazar. “Estiven solteira algúns meses e volvín a miña atención ás miñas paixóns. Foi aprender quen son, non a través dun home, senón por min mesma”, afirmou.

Ademais de sentirse como unha muller nova, a intérprete recoñeceu que por primeira vez se sente atraída pola política. “Chorei escoitando a Obama”, recoñeceu.

'Cameo' de Nadal

O tenista Rafael Nadal podería ter un pequeno papel no filme The Trial of Chicago 7, que estará protagonizado por Will Smith e Kevin Spacey, segundo elsemanaldigital. com. A cinta rodarase o ano que vén e Steven Spilberg está ao cargo da súa produción. Por outra banda, o deportista acaba de firmarun contrato coa firma Lanvin, polo que se converterá na imaxe do seu perfume para homes Sport.

Comentarios