Madonna la 'sorbementes' y los 'Rod'

Jim Carrey búrlase dos paparazzi
photo_camera Jim Carrey búrlase dos paparazzi

Entre o matrimonio do xogador de béisbol Álex Rodríguez (tamén coñecido como A-Rod) e o de Madonna e Guy Ritchie estase a dar un curioso caso de dobres parellas, aínda que sería máis correcto falar dun full, se temos en conta que Lenny Kravitz anda polo medio, segundo algúns medios.

A nova entrega deste enredo, que está á altura dun bo culebrón, chega hoxe da man do Daily Mirror, que publica unha entrevista coa aínda muller de Rodríguez na que acusa a raíña do pop de empregar técnicas de control mental co seu home.

“Rouboulle a alma ao meu marido. Controla a súa mente”, di unha deprimida Cynthia ao rotativo, engadindo que Madonna podería estar empregando algún tipo de técnica da cábala para facer co seu marido o que lle peta. Deixando a un lado se Madonna debería pasar ou non polo lume purificador dunha queima de meigas, Cynthia queixouse do cambio de actitude de Rodríguez desde que tivo “un affair” coa cantante.

“Xa non o recoñezo. Era doce, un pai ideal. Agora é frío e calculador”, lamentouse a muller. Ademais, a despeitada muller asegurou que abandonou o domicilio familiar o día que atopou unha mensaxe de Álex á cantante na que lle dicía que ela era a súa “verdadeira alma xemelga”.

Finalmente, onte asegurou que vai presentar unha demanda de divorcio porque xa considera insalvable o seu con Álex. Pola súa banda, Madonna volveu desmentir (a semana pasada xa o fixera o seu representante) que tivera calquera tipo de encontro co xogador dos Yanquis de Nova York.

O quinto en discordia, Lenny Kravitz, foi relacionado con Cynthia por varios medios pero o cantante tamén desmentiu o asunto dicindo que era mentira e que el non contribuiría xamais a rachar un matrimonio.

Por outra banda, Kravitz volveu reafirmarse en que está dedicado en corpo e alma á meditación e que continúa coa súa voluntaria abstinencia sexual que comezou hai uns meses e que lle está sendo “moi positiva”.

Eva puido cambiar a Casillas por Cayetano
Segundo Telecinco e o xornal El Mundo, Eva González, ex Miss España e presunta ex moza de Iker Casillas, podería ter un romance co toureiro Cayetano Rivera. Segundo parece, González e Casillas tiveron un novo desencontro en Austria durante a Eurocopa.

Pouco despois, a modelo coincidiu con Cayetano Rivera nunha festa dunha revista e aseguran que desde entón non se separaron. En calquera caso, e de ser certo, seguro que algún fotógrafo rematará por confirmalo.

Jim Carrey vístese de muller como broma
O actor Jim Carrey demostrou que leva a comedia no corpo e que o seu sentido do humor non queda no set de rodaxe. O intérprete estaba de vacacións coa súa muller en Malibú e descubriu un grupo de fotógrafos que os seguían durante o seu paseo pola praia.

Carrey, lonxe de anoxarse, foi a unha caseta a mudar a súa roupa e puxo o traxe de baño da súa dona, co que paseou uns minutos polo areal provocadon as risas dos paparazzi e do resto da xente que estaba na praia.

'PETA' quere pagarlle un escaneo cerebral a Sharon Stone
A asociación ecoloxista PETA envioulle unha carta a Sharon Stone na que se ofrecen a pagarlle á intérprete un escaneo cerebral para averiguar  o motivo polo que a estrela loce nos actos públicos abrigos de pel.

Segundo a plataforma, estudos científicos vinculan a falta de empatía con determinados seres vivos a un deficiente desenvolvemento dalgunhas partes do cerebro, polo que gratuitamente, e con retranca, se ofrecen a pagar os custos do diagnóstico a Stone.

Nicole Kidman dá a luz unha pequena
A actriz Nicole Kidman deu a luz nun hotel de Nashville (Ténese) a pequena Sunday Rose, que pesou 2,7 quilos. Segundo o representante da actriz, tanto a nai como a nena están “en perfecto estado de saúde”.

A muller de Keith Urban declarou que “non pensara conseguir algo así na súa vida” e que está moi leda. Deste xeito, Kidman ten tres fillos (dous os adoptara co seu ex marido, Tom Cruise). A actriz sufrira un aborto cando vivía co seu anterior marido.

Comentarios