¡Mira con quien baila Anne!

Anne Igartiburu
photo_camera Anne Igartiburu

A revista Semana revela no seu último número que a presentadora Anne Igartiburu atopou de novo o amor ao carón dun mozo toureiro ao que segue de praza en praza. Este matador “de segunda”, chámase Israel Lancho e dependendo da revista que leamos ten 28 (Semana) ou 22 (Hola) anos.

Pouco se sabe del á parte de que na súa última corrida lle brindou o seu primeiro touro á condutora de Corazón de... e que tras o evento estiveron xuntos.

Semella que a nova parella se coñeceu grazas ao humorista Mariano Mariano, compañeiro de Anne en ¡Mira quién baila! e apoderado do rapaz. Anne tivo un curto matrimonio con Igor Yebra e despois estivo saíndo con Álvaro Fuster, amigo íntimo do príncipe Felipe.

Law cambia de modelo
O actor Jude Law ten nova moza que é modelo, como a anterior. A última parella do británico foi a filla de Rod Stewart, Kim, que traballa como manequín para unha firma inglesa.

A súa substituta ao lado do cotizado intérprete chámase Lily Cole, que foi a imaxe de firmas como Chanel ou Dior. O xornal Sunday Mirror foi o primeiro en pillalos xuntos no apartamento do actor, onde xa pasan as noites de xeito habitual. A moza, que ten só 20 anos, tamén foi vista en actitude agarimosa con Law en varios restaurantes e durante un concerto de Radiohead.

Insólita voda
A cantante e actriz australiana Olivia Newton-John, de 59 anos, casou co multimillonario John Easterling, de 49, nunha voda sorpresa  a pasada finde semana, segundo informaron os medios do seu país.

A cerimonia tivo lugar o pasado día 4, cando a parella invitou varios amigos á súa casa de Malibú para celebrar unha grellada. Ao comezar a reunión amistosa a parella comunicou aos asistentes que nese mesmo momento ía casar.

Ethan Hawke casou coa ex 'nany' dos seus fillos
O actor Ethan Hawke confirmou onte á revista People que casou hai tres semanas con Ryan Shawhughes, a ex coidadora dos seus fillos. A parella, que en xaneiro anunciou que agardaba un bebé, comezou a súa relación hai tan só uns meses e coñecéronse cando Hawke aínda vivía con Uma Thurman.

A actriz tamén vai pasar polo altar nos vindeiros meses co millonario suízo Arpad Busson. Á súa vez, disque Busson estivo a piques de casar hai un tempo coa modelo Elle McPherson.

‘Euromofa’ a costa de Bruni en Estrasburgo
O pleno de onte do Parlamento europeo contou coa presenza de Nicolas Sarkozy, o que motivou varios deputados a facer pequenas mofas sobre Carla Bruni. Cando se lle estaba retirando a palabra a Graham Watson, este pediu que xa que alí estaba Sarko lle deran “sesenta pequenos segundos para o último minuto”, como di unha canción do novo CD de Bruni.

Un deputado dos verdes comparou a súa vontade europeísta co amor e a droga citando tamén uns versos da cantante. Sarkozy, lonxe de anoxarse, prometeu enviarlles discos dedicados.

Increpan a Fiennes e ten que abandonar un restaurante
O actor británico Ralph Fiennes tivo unha mala experiencia na cidade bosníaca de Mostar, onde se viu obrigado a abandonar un restaurante por referirse ao presunto criminal de guerra croata Ante Gotovina, considerado un heroe por moitos compatriotas seus. Fiennes preguntou nun restaurante por que había tantas imaxes de Gotovina polas rúas e un grupo de mozos que o escoitaron increpárono ata que marchou do local.

Comentarios