Obxectivo: salvar a Sabela Ramil

A familia de Sabela Ramil, a concursante de 'Operación Triunfo' das Pontes nominada para ser a primeira expulsada da edición de 2018, está a mobilizar o voto para que a única representante  galega permaneza un tempo máis no programa. «Non é cousa de empapelar Galica coa foto, pero si que a xente saiba que pode votala»

Concentración de apoio a Sabela Ramil en As Pontes.C.ARIAS
photo_camera Concentración de apoio a Sabela Ramil en As Pontes.C.ARIAS

MARY RIVERA, a nai de Sabela, asegura que dorme pouco. Non quere estar pegada día e noite á canle 24 Horas en YouTube, pero si que lle gusta poñelo pola mañá, para ver como se ergue e de que ánimo empeza a xornada. Desde que o mércores á noite a concursante resultou candidata a abandonar o "OT", Mary apóiase nos seus «secretarios» -familiares, amigos e integrantes dos clubs de fans- para mobilizar o voto telefónico, por SMS e na app do programa e estirar «todo o que sexa posible» a estancia de Sabela no talent show. «Ela xa forma parte do concurso, aínda que saia o mércores, pero xa que está alí gustaríame que quedase un pouco máis para aprender, e que vexa o público o que ten que ofrecer».

A rede de apoio a Sabela está a repartir carteis por diferentes puntos: «Non só polas Pontes e na Mariña, onde nos coñecen, senón que tamén temos xente que se está movendo por Verín ou Pontevedra e tamén fóra de Galicia; en Valencia ten un club de fans importante, hai un colexio enteiro que a apoia».

Ademais da visibilidade física, Mary Rivera explica a importante que ten o traballo nas redes sociais, os chamados fíos de votos en Twitter, Instagram ou Facebook, que arrastran centos de seguidores e que resultan o modo máis habitual de participación para os seguidores máis mozos do programa.

A familia e os amigos de Sabela están a recabar tamén diferentes testemuñas de artistas e deportistas galegos. Unha das primeiras adhesións foi a do club de fans de Lucía Pérez e da propia cantante do Incio e, sobre todo, da banda rock da Estrada Nao. «Xa desde que entrou ao programa, foron os que máis axiña tiveron palabras bonitas para ela».

Onte mesmo, despois de saberse que Sabela cantará unha canción en galego de Rosa Cedrón para defender a súa continudade en "OT", a propia cantante monfortina escribía un post en Instagram -con gústame de Guadi Galego- no que amosaba o seu agradecemento e lle desexaba a maior das sortes. Do mesmo xeito, a exvocalista de Luar na Lubre gravou un vídeo no que lembra o afortunada que foi por ter sido profesora de canto de Sabela.

Malena Mieres, porteira da selección de fúbol sub-19, campioa de Europa este verán, o piragüista Antonio Polo e o tirador olímpico Miguel Alvariño son outros dos declarados sabelistas, así como o director de cine e guionista Ángel de la Cruz. Do mesmo xeito, conta co apoio das orquestas e verbena galegas.

Nas redes sociais, o escritor Xavier Alcalá, novelista e autor dalgún dos temas máis célebres de Andrés do Barro, tense ofrecido a escribirlle letras a Sabela, mentres que o youtubeiro Miguel Silva (Aquel-E), ten defendido nun dos seus vídeos que Sabela Ramil é unha icona do Rexurdimento 2.0 e compara a súa decisión de cantar en galego na faixa de máxima audiencia na televisión pública estatal coa publicación de "Cantares gallegos" en 1863 e o lanzamento en 1973 do disco de Ana Kiro "Galicia, terra meiga".

Mary Rivera avanza que queren gravar unha serie de vídeos de apoio a Sabela en diferentes lugares, todos co cancelo #OrgulloGalego. A nai de Sabela considera que, por forza, un deles ten que ser en Bravos, a aldea de Ourol na que naceu Sabela e onde ela e o seu irmán Juan organizan desde hai oito anos o festival Aturuxo, que pouco a pouco se fai un oco na axenda cultural galega.

Tamén queren os sabelistas, que así se chaman os seareiros, que en Viveiro se faga algo: «A madriña de Sabela é a directora da banda da confraría de mulleres da Santa Cruz da Semana Santa de Viveiro, onde ela toca desde pequeniña», explica a súa nai.

No entanto, Mary ten que preparar viaxe para Barcelona, xa que o mércores acompañará a súa filla na gala. «Estaremos o mozo de Sabela, Chus, e mais eu».

A nai de Sabela recoñece a súa filla cando a ve pola televisión. O seu carácter responsable, traballador e entusiasta «Na clase de Itziar chorou moito, pero sei que a profesora o fixo así para que ela se liberase das presións». Así como era consciente de que o reggaetón de "Échame la culpa «non era o seu», sabe que "Benditas feridas" se lle adapta como unha luva. «Cando ela dixo no chat que ía facer esta canción de Rosa Cedrón, berrei: Filla, que ovarios tes!!!».

Orgullo galego nun xigantesco «Estamos contigo»

Orgullo galego nun xigantesco «Estamos contigo» As redes sociais arden estes días nas Pontes, todas as miradas están na academia. E foron moitos os que quixeron onte traspasar as pantallas e estar presentes na primeira quedada para pedir o voto para Sabela. «Sempre quixo aprender e ten a oportunidade da súa vida», dixo a súa nai, moi emocionada, despois de que seu pai dera as grazas «de todo corazón». O seu mozo pediu que Sabela sentira o apoio do pobo, e tras un «orgullo galego» ben forte resonou un xigantesco «estamos contigo». Horas antes, no conservatorio, os músicos rendíronlle unha homenaxe e seu irmán, que non puido asistir á concentración, gravou un vídeo co seu equipo, o Roupar.

 

Comentarios