Ortiga: "Son unha especie de xograr que retrata o momento actual con música"

Manuel, Chicho, Ortiga ou Boyanka Kostova. ARCHIVO
photo_camera Manuel, Chicho, Ortiga ou Boyanka Kostova. ARCHIVO

O MERENGUE e a electrónica conforman unha unión perfecta dentro do panorama musical galego (e no de fóra). O artífice que fai funcionar esta xuntanza chámase Manuel González, ou Chicho, ou máis ben Ortiga se falamos da súa faceta artística. O artista compostelán deuse a coñecer co grupo ‘Esteban y Manuel’ co que se fixo eco no panorama nacional. Agora Ortiga continua a tarefa de facer bailar ao seu público, mentres se sumerxe no trap co seu outro grupo ‘Boyanka Kostova’. Este dúo vén de sacar un disco no que trap e gaitas mestúranse para crear o seu maior éxito ata a fecha.

Merengue, cumbia, electrónica... pero como se define o estilo de Ortiga?

— Os estilos nos que me inspiro para facer o que fago son o merengue e a cumbia, pero tamén como son estilos musicais que adoitan caracterizarse por ser bandas de moitos músicos e eu non os teño, fágoos de forma electrónica, e xérase un híbrido simpático. É un intento de ‘revival’ de algúns estilos pero cos medios que eu teño no ano 2021.

De onde veñen as súas influencias?

— Sempre estiven en grupos de punk e de rock, e molábame e inspirábame moito, pero son cousas coas que non conectábamos demasiado coa xente pola forma de facelo. Entón, decanteime pola cumbia que me parecía máis divertida, e xa o empezara a facer con Esteban y Manuel. O público recibíanos mellor que antes. Chegar a un sitio, tocar unha canción e que todo o mundo poida bailar é moito máis agradable que escoitar un concerto con moita distorsión e ritmos imposibles.

De Esteban y Manuel a Ortiga, pasando por Boyanka Kostova, en que se diferencian a nivel musical? Que herdan uns doutros?

— Esteban y Manuel fomos os que empezamos co tema das cumbias, estábamos na escena underground galega pero non había ninguén interpretando este estilo, entón foi innovador. Con Boyanka Kostova pasou o mesmo pero co trap galego, que apenas había. Foron dúas bandas que por casualidade introducimos estilos novos bastante cedo. Agora con Ortiga podo facer o que me de a gana, porque estou eu só. Molaría que todo o mundo puidese desenvolver o que ten na cabeza. As diferenzas grandes entre Boyanka e Ortiga, que son os que seguen en activo, están no estilo: Boyanka é trap, nel son unha especie de xograr que retrata o momento actual con música e facendo o parvo, e Ortiga é máis latino e cóntalle a súa vida á peña.

Autotune: democratizador ou intrusista?

— O autotune moléstalle á xente que leva toda a vida facendo música e segue sen comerse un rosco, olvídanse de que é parte da produción musical. É coma se me molestase a distorsión nas guitarras de Led Zeppelin. Tamén olvídanse de que o autotune non che fai as letras, non por mercalo xa vas facer un hit. As miñas letras, se gustan e fan gracia, o farían con ou sen el. É o que é, eu a esta xente o que lle digo é que se co autotune crees que vas ser os Beatles solo por telo e usalo, cómprate un, e convírtete na próxima Rosalía, porque se  este aparato en teoría o fai todo, por que non hai 60 Rosalías?. Ademáis, se a música é arte, non hai intrusismo posible. Simplemente é outro tipo de arte.

Sons novos, electrónicos, latinos, linguaxe millenial...cree que hai prexuízos contra o estilo que tes? (polo autotune ou polo reggeton)

— A sociedade é moi belixerante e cada vez sabe distinguir menos entre "isto é malo" e "isto non me gusta". A min dame igual que pensen que estou na categoría de "isto é malo", non vou a cambiar o meu estilo.

Como artista galego residente no país, cree que é necesario ir a Madrid para triunfar?

— Se queres avanzar terás que tocar no maior número de sitios posibles, pero moita xente pensa que hai que irse a Madrid e vivir do que sexa para triunfar, non sei se é certo pero eu nunca vivín alí. O que quero conseguir o podo facer dende a miña casa de Santiago, creo que non fai falta ir a ningún lado. Levo vivindo case tres anos da música en Galicia, non me adico a outras cousas a maiores. Na música ás veces parece que se os tres primeiros temas que sacas non funcionan non vales para nada, pero o que hai que facer é disfrutar do camiño.

Viviu en Pontevedra, que relación te con esta cidade?

— Pontevedra é a hostia, é o meu sitio preferido do mundo. Vivín alí os catro anos anteriores a comezar a tocar máis. É unha maravilla, non só pola cidade en sí, senón tamén por colegas que fixen alí. Hai xente brutal.

Hoxe toca en Monteporreiro. Ortiga, que normalmente fai bailar a todo o mundo vai topar con mal tempo e medidas de seguridade, haberá a mesma conexión co público?

— Espero que a xente non estea moi deprimida polo coronavirus. Oxalá todo saia ben, este ano está sendo terrible para todos pero estando tristes tampouco imos arranxar nada. O meu modo de facer concertos só vai cambiar porque agora toco con outra persoa, espero que esa novidade anime á xente.

Comentarios