Óscar Ibáñez: "Ricardo Portela é á gaita o que Curros ou Rosalía son ás letras"

O gaiteiro Oscar Ibáñez dará un concerto en homenaxe a Ricardo Portela, un dos máis grandes gaiteiros da historia de Galicia, co gallo do centenario do seu nacemento, que foi o ano pasado, pero que pola pandemia se trasladou a este
Óscar Ibáñez. DP
photo_camera Óscar Ibáñez. DP

Viascón será testigo este sábado do concerto en homenaxe á figura dun dos seus ilustres, Ricardo Portela, por parte do tamén gaiteiro e compositor, Oscar Ibáñez. No escenario, estará acompañado da súa banda de directo Oscar Ibáñez & Tribo, e xuntos porán en marcha o máis que recoñecido espectáculo Porteláns, co que buscan resaltar e recordar a figura dun dos gaiteiros galegos máis importantes de todos os tempos.

Que significa para vostede a música, máis concretamente a gaita?

Tanto a música como a gaita están e estiveron presentes ao longo da miña vida. Eu comecei a tocar a gaita aos 8 anos, pero antes xa bailaba, polo que o contacto co folclore foi dende moi rapaciño. A verdade é que está completamente presente na miña vida, non solo a nivel artístico, senón tamén a nivel docente, a nivel investigación, son mestre de música... Quero dicir, todo na miña vida foi un pouco en paralelo coa música.

Que representa para vostede o gran Ricardo Portela?

Ricardo Portela é un dos referentes máis importantes de Galicia. Non so para os gaiteiros galegos, senón tamén para gaiteiros bretóns, irlandeses, etc. É unha das grandes figuras da música tradicional galega por varias razóns: por un lado, pola súa excelente interpretación e esa recuperación do toque pechado, que era unha técnica case esquecida e que Ricardo Portela tratou de poñer en valor e recuperar; e por outro lado, tamén había unha labor de discurso ideolóxica, de poñer en valor a figura do gaiteiro e o repertorio propio nun momento en que os gaiteiros comezaban a mirar cara o norte, á música celta, á música escocesa, á irlandesa, mentres que Ricardo Portela trataba de resaltar un repertorio propio que non lle envexa nada ao folclore doutros lugares, amais dunhas técnicas que merecen ser traballadas, divulgadas e conservadas. En definitiva, levou a cabo esa defensa do gaiteiro que noutrora era unha figura denostada. E xa persoalmente para min, cando eu comezaba a tocar, as súas grabacións sempre eran as principais, coas que eu aprendía e trataba de imitar ese repertorio das Rías Baixas, xunto a súa técnica, polo que sempre me acompañou a súa música.

Non é a primeira vez que homenaxea a este gaiteiro. Como xurdiu esa admiración?

Xa en 2008 impulsei un traballo colectivo con máis de 30 músicos que se chamou Foliada nas Rías Baixas. Homenaxe a Ricardo Portela o Mestre, con Edicións do Cumio, que mostra dalgunha maneira ese sentir colectivo de Portela como figura clave e referencial para todos os gaiteiros do país e que quería representar un pouco esa irmandade arredor da súa figura. Amais, en 2017 en conmemoración do vintecinco aniversario do seu pasamento grabei un disco con 20 temas interpretados coa sua gaita orixinal. Iso foi para min un agasallo e unha responsabilidade total porque era poñerse na pel do mestre co seu propio instrumento, e incluso acompañado de músicos e artistas que grabaron discos ou que tiveran un vínculo moi estreito con el.

Que se pode esperar do concerto de Viascón?

É todo un privilexio, estou moi emocionado porque para min é unha figura moi importante, na que sigo traballando con varios proxectos que quedaron enquistados polo tema da pandemia, pero que irei sacando no sucesivo, porque aínda queda moito material sobre a súa figura. Ademais, para este espéctaculo que denominamos Porteláns, porque todos nos sentimos Portela dalgunha maneira, veñen uns gaiteiros da Banda de Gaitas Suevia, de Porto do Son, principalmene Pepe Romero co que imos facer unha cousiña moi especial e moi chamativa; e tamén uns gaiteiros da Banda de Gaitas Nova Era, de Verín.

Que pensaría Ricardo Portela se soubera desta homenaxe?

Penso que ser recoñecido no entorno natural sempre é un orgullo. Non é fácil ser recoñecido polos cercanos e sempre parece que nos acollen con máis agarimo fóra. Eu penso que Ricardo foi un gaiteiro mito en vida e recoñecido por todos os da súa xeración e polos de xeracións vindeiras. É dicir, foi unha persoa que viviu ese éxito e todo o agarimo dos gaiteiros do país, pero aínda que tivo algunha homenaxe no propio Viascón, creo que nunca sobra. Penso que recoñecer as figuras propias é unha labor que non debemos de esquecer nunca, porque os referentes propios hai que telos moi en conta, xa que teñen tanto valor, e moitas veces máis, que outros que veñen de fóra. En Galicia temos grandísimos referentes e Ricardo é unha das figuras célebres máis importantes da historia da gaita. Poderíamos facer unha comparativa na que Ricardo Portela puidera ser á gaita o que puideron ser Curros, Pondal ou Rosalía as letras.

Tocar coa súa gaita foi para min un agasallo e unha responsabilidade total

Que lle suscita a vostede poder compartir escenario con outros grandes artistas?

Eu estou moi feliz sempre de estar con artistas que admiro dende a infancia como por exemplo o propio Carlos Castro, Fernando Fraga, Harry Price, e moitísimos máis. Todos os músicos que me acompañan son xente moi experimentada, cunha ampla traxectoria, e que realmente os admiraba moito antes de coñecelos en persoa. De feito moitos deles acompáñanme dende a friolera de 16 anos atrás.

Que proxectos ten en mente para un futuro non moi lonxano?

Os proxectos máis a curto plazo serán tres, todos eles diferentes entre si, que van a pivotar ao rredor da figura de Ricardo Portela. Un será máis artístico, en torno a esa actualización do repertorio dende unha óptica persoal pero atractiva e moderna, e logo unha serie de traballos máis de divulgación e investigación do seu legado máis a súa obra.

Comentarios