Tinky Winky, baixo sospeita: Polonia busca indicios de homosexualidade nos Telettubies

Ewa Sowinka emprendeu a súa particular guerra contra os Telettubies despois de que descubrise que Tinky Winky, malia ser home, leva un bolso. A defensora do menor de Polonia, descubríu aí un posible "nexo homosexual", polo que teñen que valorar se a serie pode emitirse nunha tele pública.

Sowinska comentou no semanario Wprost que pensa que se o grupo de psicólogos encargado do caso conclúe que a serie promociona "comportamentos non axeitados, terían que tomar medidas para evitalo". A defensora do menor asegurou que se enterou polos medios de comunicación da posibilidade de que un dos telettubies poidese ser gay.

"Polo visto, en Estados Unidos alguén advertíu que se trataba dunha maneira de influir sobre o comportamento dos pequenos, aínda que eu nunca asociara a Tinky-Winky coa homosexualidade, mesmo se anda sempre cun bolso de muller", comentou. "Antes de que apareceran as sospeitas, vin varias veces a serie e pensei incluso que o teletubbie que levaba ese bolso tiña que sentirse incómodo, porque non sabía moi ben que facer con el, como se non o necesitase".

Polo menos recoñece pensar que é difícil que unha criatura pequena "poida ser manipulado" pois teñen outra forma de percibir os debuxos animados. Dende a chegada ao poder dos irmáns xemelgos Lech e Jaroslaw Kaczynski -presidente e primeiro ministro-, o goberno polaco está atacando abertamente á homosexualidade. De feito, o seu viceministro de Educación animou aos gobernos da Unión Europea a que prohibisen a "propaganda homosexual".

Non se trata da única guerra aberta polos irmáns Kaczynski, afanados por sacar á luz e purgar todo rastro que quede en Polonia da ditadura comunista.

Comentarios