Queres saber quen é o substituto de Gayoso no 'Luar'? Pois dígocho eu

Este venres regresa o programa máis lonxevo da TVG logo do parón estival e faino sen o seu presentador habitual, recentemente operado
Xosé Ramón Gayoso. ARQUIVO
photo_camera Xosé Ramón Gayoso. ARQUIVO

Luar, o programa máis lonxevo da TVG, regresa este venres despois do parón estival e faino sen Xosé Ramón Gayoso á fronte.

A tempada 32 do espazo que entra todos os venres na casa de milleiros de galegos volve sen o seu buque insignia. Pero será algo puntual.

Gayoso foi operado da cadeira a mediados de agosto e está recuperándose desa intervención. Xa camiña coa axuda dunha muleta, pero aínda non se atopa en condicións de subir ao plató para conducir as cases tres horas de duración do Luar. 

A súa substituta temporal será a xornalista Esther Estévez. A de Verín é un dos rostros máis recoñecibles da TVG tras o éxito do espazo Dígocho Eu, un programa de divulgación da lingua galega. 

Hai tan só uns días, nunha entrevista neste xornal, Estévez confesaba a súa admiración polo presentador ao que vai remudar. "É un referente de calquera compañeiro de profesión e unha das persoas con máis bondade que coñezo", dicía. 

Comentarios