A televisión polaca corta unha escea gai na serie 'Little Britain'

Estiveron a piques de cortar a serie infantil 'Os Telettubies' por considerar afeminado de máis ó pobre Tinky Winky. Agora, despois de que o boneco violeta quedara fóra de sospeita, a televisión pública polaca (TVP) segue a súa particular cruzada contra a homosexualidade censurando unha escena da serie británica 'Little Britain', na que un pastor gai lle da un bico a un amigo seu.

A decisión vese como algo normal dende a TVP. Un portavoz afirmou que o fragmento en cuestión podería crear "controversia" entre o público polaco "e esa non é a misión que debe cumprir unha televisión pública". Ademais aseguran que o humor dos ingleses "é as veces incomprensible para o público polaco", e que o contrato que teñen coa BBC permite este tipo de cortes.

A serie 'Little Britain' é unha parodia dos británicos feita por británicos. É unha comedia en 'sketches', protagonizada por Matt Lucas e David Williams, que son tamén os creadores e guionistas da serie. A escena censurada pola televisión polaca é unha das moitas que tratan a temática gai, xa que na serie existen personaxes como Daffyd, o autoproclamado "único gai da vila", ou Sebastian, namorado do seu xefe.

Comentarios