Ugia: «Sabela é unha valente que ensina dentes e alma galega»

A cantante focega, compositora da canción que interpretará a finalista de 'OT', anima a votala a apoioala na gala deste mércores

Sabela. AEP
photo_camera Sabela. AEP

LUGO. Sabela Ramil chega mañá á final de Operación Triunfo e faino cunha canción que a súa autora define como «de amor e reivindicativa á vez». Ugia Pedreira (Foz, 1970) compuxo Tris tras para o grupo Marful. A Gañidoira e o Viveiró foron a inspiración de onde é a familia da concursante.

Pedreira di estar agradecida e mandarlle forzas a Sabela, á que define igual que á protagonista da canción, como «muller valente que ensina os dentes e alma galega brava ata o final», segundo dixo a través de Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento.

Hai doce anos que Marful presentou «esta canción de autora ligada á arte e ao territorio da Mariña e Ortegal» , indica Pedreira, quen confesa que foi unha canción que lle deu «moitas sorpresas».

A canción de Sabela está inspirada nas terras da Gañidoira e Viveiró, preto de onde é a familia da concursante de 'OT'

Tris tras está moi influenciada pola música e polas melodías de transmisión oral, bebe da «filosofia melódica de aldea». Marful colleu este patrimonio, e mesturouno con habaneras e tangos. Agora é Sabela quen lle dá o seu toque persoal. «É un patrimonio que celebra ser tamén partillado polas novas artistas galegas que loitan por facerse un oco no mundo da música, apoiándose nas que xa foron antes ca elas», explica Ugia Pedreira.

Na academia, Ramil estivo traballando a canción cos Javis. Nestas sesión debullaron o contido da letra e puxeron o foco de atención nas mulleres. Tanto nas que obedecen e «lamen as latas» como nas que «berran e ensinan os dentes», como di a peza.

A cantante focega considera que Sabela merece «toda a sorte do mundo» polo traballo que fixo na academia, así como polas boas escollas musicais, que define como «música quilómetro cero».

Xa na segunda gala interepretou Benditas feridas de Rosa Cedrón. Na anteporta da final, Ramil escolleu o Negro caravel de Rosalía de Castro. A aposta da cantante de levar o galego á televisión mantense ata a derradeira gala con este "Tris tras".

Para a noite do mércores, Pedreira anima «a apoiar a Sabela e a celebrar a súa valentía desde aquí, desde a súa terra á que ela apela cada semana desde hai uns meses».

CORO. Desde hai cinco anos, Ugia Pedreira está inmersa nun proxecto vital e profesional de música de proximidade.

Por unha banda, dirixe o Coro da Mariña, con membros procedentes de toda a costa, dende Viveiro a Vegadeo, en Asturias. Pola outra, a través da composición de música infantil, coa recente presentación dun libro disco en galego asturiano,A comuna del Barruzo.

A maiores, xunto con Marina Oural, creou a Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, no 2014. Este proxecto traballa na diversidade artística e funcional no ámbito rural.

Comentarios