Xosé Ramón Gayoso: "Son pobretón consumindo televisión"

Este urbanita coruñés aínda lembra, aos seus 65 anos, esa vida no rural en Santa Comba (Lugo) na que gozaba de ir á corte polas noites co seu tío para darlle de comer ás vacas
Xosé Ramón Gayoso. ARQUIVO
photo_camera Xosé Ramón Gayoso. ARQUIVO

O GAYOSO sen traxe nin gravata aínda é máis próximo que o que presenta, desde hai tres décadas, o Luar na TVG. Este urbanita coruñés aínda lembra, aos seus 65 anos, esa vida no rural en Santa Comba (Lugo) na que gozaba de ir á corte polas noites co seu tío para darlle de comer ás vacas.

Como é a cousa? Foi feito vostede para presentar o Luar ou o Luar foi feito a medida para vostede?
Ningunha das dúas cousas! O Luar nace sen a miña presenza. Eu non participei na xestación da idea, que foi do director, Manuel Abad. A min só me chamaron para incorporarme a esa idea como presentador, eu viña do mundo xurídico. Na tele trabállase en equipo aínda que hai xente que pensa que cando remata o programa son eu o que apago a luz!

Di que veu do mundo xurídico, é vostede avogado?
Son licenciado en Dereito. Colexeime e exercín de avogado nun bufete en Madrid durante tres anos pero decateime de que ese non era o meu camiño.

Colgou a toga daquela para presentar o Luar?
A toga non a colguei, seguía con ela na man buscando traballo e nesas entérome de que se crea a CRTVG e alí fun a ofrecerme para a asesoría xurídica. Cando cheguei dixéronme que a asesoría estaba completa pero que faltaban presentadores e decidín ir ao casting sen máis.

Sabería que facer agora se lle din que desaparece o Luar?
Dáme vertixe deixar a profesión aínda que estou chegando á xubilación. Que farei despois? Pois teño outras afeccións como o deporte, ler, escoitar música, viaxar, pasear e son tamén fan da miña muller, coa que levo 36 anos casado.

O Luar grávase en Touro. Cal foi o peor touro co que tivo que pelexar en todos estes anos?
Cando dei a noticia da morte de El Fary cando aínda non morrera. Chamamos á muller para darlle o pésame e díxonos que "estaba muy malito" pero que aínda non chegara a falecer.

Se tivese que facer zapping á hora do Luar, a que canle se pasaría?
Supoño que vería unha película.

Subscribiuse a algunha plataforma televisiva?
Non, non vexo series. Non teño tempo. Son moi pobretón como consumidor de televisión.

Pídenlle moitos autógrafos?
Agora pídenme fotos e vídeos. Non hai un día que non mos pidan. A intimidade só a atopo cando pecho a porta da casa. O resto estou en modo presentador.

Poderémolo ver na pantalla presentando sen traxe e gravata?
Agora xa é unha especie de disfraz! Xa me piden nalgún sitio que vaia de Gayoso! Parezo unha icona, co micro pegado ao queixo. Pero o importante do Gayoso presentador é que quede o de dentro, o que trata de facer as cousas o mellor que se poida.

É posible a simbiose entre un urbanita coruñés e un neto dun labrego de Santa Comba?
Son moi urbanita porque me gusta vivir na cidade pero lembrarei toda a vida os veráns que pasaba de neno en Cabanas, Santa Comba, cando ía darlle herba ás vacas á corte polas noites, cando ía subido ao carro ou ao arado, cando meus curmáns collían as troitas a man no río, a tortilla e os bistés que comiamos ao carón da cociña bilbaína, o pan de centeo que saía do forno...