A noite dos máis grandes

A cerimonia de entrega dos premios HQR! 2023 cita os protagonistas do ano deportivo da comarca. Quince campións do mundo serán homenaxeados nunha gala que recoñecerá o centenario do CD Arcade e a traxectoria de Isidro Otero
Foto de familia dos Premios HQR! 2022. RAFA FARIÑA
photo_camera Foto de familia dos Premios HQR! 2022. RAFA FARIÑA

A cerimonia de entrega dos Premios HQR! 2023 recoñecerá esta noite, no Teatro Principal de Pontevedra, os máis grandes do ano deportivo que remata o próximo 31.

Baixo o patrocinio de Construcciones Ramírez, Funeraria San Marcos e Joyería Ferse, A Asociación HQR! e Diario de Pontevedra farán entrega de galardóns en nove categorías coas que se intentará sintetizar os mellores momentos, deportistas, entidades e proxectos desenvolvidos durante os últimos doce meses.

Coa presenza das autoridades políticas e de membros da sociedade, a cultura e, sobre todo, o deporte de Pontevedra e a contorna, a edición de 2023 premiará de maneira excepcional 15 deportistas na modalidade de mellor deportista. Ante a gran cantidade de éxitos acadados polos representantes deportivos, o xurado dos Premios estimou realizar unha distinción de recoñecemento para tódolos campións do mundo nativos ou vencellados a clubs da cidade e da comarca.

Así, serán recoñecidos o adestrador e xogadores do Club Cisne Balonmán Carlos Ocaña, Alberto Delgado e Javier Fernández Jabato, campións do mundo xúnior de balonmán con España; Teresa Abelleira, campioa do mundo de fútbol absoluta con La Roja; Cristian Fernández, campión do mundo de acuatlón; Lucas García, en tríatlon en categoría sub-19; Melania Rodríguez, en trampolín na modalidade de dobre minitramp; Paula e Paloma González, en vela, na clase vaurien, e Jaime Duro, Claudia Couto, Adrián Sieiro, Diego Romero, Martín Jácome e Pablo Crespo en diferentes categorías de piragüísmo.

Ademais dos deportistas laureados recoñecidos, na categoría de adestradores será galardoado o preparador de loita do Club de Loita Pontevedra e do CGTD Marcos Miragaya.

Os recoñecementos proceden de un disputado e profundo debate no que tomaron parte os membros do xurado, representantes dos medios de comunicación e do mundo do deporte, da empresa e da sociedade pontevedresa. Non lles foi sinxelo ningunha das eleccións en ningunha das categorías, tampouco na de mellor promesa, que valorou o gran dominio no BTT e no ciclocrós español da polifacética competidora do CC Farto Lorena Patiño.

Foi un ano brillante para os deportistas do Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, berce de campións e medallistas mundiais, recoñecido como mellor club de 2023.

O valor ao mellor equipo promesa correspondeu nesta edición ao equipo alevín feminino do CD La Peña de Marín, campión galego.

Foi destacado como mellor proxecto de base o Club de Amigos do Baloncesto, CAB, en constante crecemento e sempre coa promoción dos valores formativos como filosofía.

O labor educativo é tamén o motivo de traballo no deporte do Colegio Los Sauces, premiado nesta edición polo seu proxecto educativo, que implica clubs de diversas modalidades da cidade.

A cerimonia de entrega dos premios principiará ás 19:30 horas nun Teatro Principal de Pontevedra que se prevé ateigado.

Unha especial lembranza para José Luis Torrado, O Bruxo

Os Premios HQR! 2023 terán momentos emotivos, como o recoñecemento especial ao Club Deportivo Arcade, que está na temporada do seu centenario, feito do que poucos clubs de ningún deporte poden presumir e máis co bo estado de saúde institucional que presenta esta entidade.

Ademais, HQR! e Diario de Pontevedra recoñecerán a Isidro Otero co Premio Lenda por toda unha traxectoria vencellada ao fútbol sala, deporte no que é unha figura capital na capital.

Pero, emotiva, sobre todo, será a lembranza á memoria dunha das figuras máis importantes da historia do deporte e da sociedade contemporánea de Pontevedra, José Luis Torrado O Bruxo: unha das personalidades finadas en 2023 que será recordada.

Más en Eventos HQR
Comentarios