"Non é lóxico que se poida contratar empresas con millóns e non poder contratar persoal"

"Perder a Deputación foi o peor da miña vida política"

Santín dimitiu esta semana como responsable do PSOE na provincia porque sente que non ten a confianza do líder do PSdeG, o seu mentor político. Unha vez que o partido recuperou o goberno da Deputación, Santín explica o que sucedeu, aínda que hai cuestións para as que non ten resposta. Iso é o que di.
González Santín
photo_camera González Santín

Como se sinte trala dimisión? Aliviado? Frustrado?
Foi unha decisión meditada, non é contra ninguén nin para fastidiar a ninguén. Non foi antes porque, como sempre se fan lecturas de todo tipo, non quería que interferise para obter a Deputación. Non marcho nin frustrado nin enfadado. Antepuxen os intereses do partido aos propios. Creo que pode axudar a que agora haxa outra dirección e traballemos todos no mesmo sentido. Serei o primeiro en traballar para que o partido estea onde ten que estar, que é arriba.

Non pensou en dimitir ao día seguinte de perder a votación con Manolo Martínez?
Se fas as cousas irreflexivamente, ao mellor ese era o día de coller e deixalo, pero non podemos esquecer o que somos. Estamos aquí cunha responsabilidade que nos deu a xente. A nosa obriga, e xa non digamos a do secretario provincial, era conseguir a Deputación.

Di que marcha porque sente que perdeu a confianza do secretario xeral. Cando empezou a notalo?
Sentino eses días, esa semana [a da votación]. Non foi un momento determinado.

Que sucedeu?
Pois non o podo explicar. Colleume de sorpresa. Facer elucubracións non é bo, porque normalmente equivócaste. Creo que hai que ser honesto e dicir que non sei cal foi a causa.

Entrou en política da man de Besteiro e substituíno na secretaría provincial. Que folla de ruta tiñan? Ía ser vostede o presidente da Deputación?
Si. Ademais, parecía o lóxico, que non houbera unha bicefalia, que creo que non son boas, que o secretario provincial fora o candidato á Deputación. Agora, eu son un demócrata convencido, perdes unha votación e perdíchela.

"A folla de ruta é que eu fora o presidente. Non sei por que se produciu esa perda de confianza do secretario xeral"


Que pasou para perder esa confianza e que, a última hora, xente próxima a Besteiro fora na lista de Manolo Martínez?
Non o sei. Para min non houbo unha causa, pero cando vin a lista de Manolo xa imaxinei o que ía pasar. Vin que había doce votos que se moveran e que probablemente non deran os números. De feito, se quitas eses doce votos e mos pós a min, a cousa sería distinta.

Foi unha operación para elixir a Martínez, que o BNG non o quixera e optar por unha terceira vía?
Eu non o sei, o que si podo dicir é que fun á votación con total honestidade. E eu creo que Manolo tamén. Se foi unha estratexia, non puido ser máis nefasta, pero eu creo que non, que foron un cúmulo de circunstancias adversas.

Nas semanas anteriores, antes de ser elixida alcaldesa, falábase de Lara Méndez como a candidata á presidencia. Dicíase que levaba tempo preparándose para ese cometido.
Non. Era vicepresidenta e ata certo punto era lóxico que moita xente pensara que puidera ser presidenta. Pero somos todos maiorciños e sabemos perfectamente o que hai. Ela sabía que ía de número dous como eu sabía que ía de tres, e ao renunciar Orozco, foi alcaldesa.

Era ese entón o plan do partido se Orozco non podía ser alcalde? Ou errou o PSOE poñendo a Méndez no número dous? Pedíronlle a vostede que fora alcalde?
Iso díxose, pero cando un vai nas listas sabe perfectamente a situación que leva. Non ten moito sentido que o número tres fora para alcalde. Polo que pelexabamos era porque Orozco fora o alcalde, porque cos datos obxectivos que tiñamos era o mellor candidato. Cando vas ás eleccións vas pensando en gañar, e tampouco eran facilmente previsibles todas as situacións, porque se tivéramos un concelleiro máis que o PP, Orozco sería alcalde.

En todo caso, como é posible que, cos mellores resultados da historia do PSOE, pasara o que pasou?
Pois teño que dicir que é moi difícil de explicar. Para min foi un dos días peores da miña vida. Da vida política, sen dúbida o peor. Eu espero que todo isto sexa unha lección e nunca máis se volva a producir algo así. Creo que tampouco hai que buscar culpables, responsables, senón mirar para diante e traballar todos xuntos.

Como está o partido?
Sería mentir dicir que un proceso así non deixou feridas, pero creo que a única maneira de que cicatricen é tirar para diante. E se a miña dimisión pode axudar a que curen...

"Sería inxusto dicir que Besteiro é o mellor candidato e que outro non, porque aínda non houbo primarias"


Martínez di que Darío Campos debería ser tamén secretario provincial. Que opina?
Penso que si. Primeiro, creo que será un excelente presidente, xa demostrou que é un excelente alcalde, e creo que é bo que non haxa bicefalias, que a presidencia da Deputación e a dirección do partido vaian da man.

Esta semana vostede dixo que espera ver a Pedro Sánchez no Goberno e a un socialista na Xunta. Non citou a Besteiro.
É sinxelo. Sánchez presentouse a unhas primarias e foi elixido. Aquí aínda non houbo ese proceso. Cando se realice, apoiarei á persoa que saia elixida.

É Besteiro o mellor candidato a pesar da situación xudicial que ten?
É que aínda non se abriu o proceso. Sería inxusto dicir que el é bo candidato e que outro non. Calquera militante pode presentarse. Eu o que desexo é que a súa situación xudicial se subsane o máis rápido posible, e estou seguro de que así será.

Comentarios