"Ter audiencia é unha sorte e tampouco teño por que pedir perdón por elo"

Xosé Manuel Piñeiro, presentador e 'showman', máis coñecido por Piñeiro, a secas, ou Superpiñeiro (sobrenome que lle veu despois de conducir o famoso 'Supermartes', na TVG), ven de presentar este mércores en Lugo para presentar un libro que fala de si mesmo. É dicir, do que hai detrás dese personaxe que moitos coñecen a través da televisión. A cita será ás sete e media, na librería Balmes, e a obra -con CD incluído- titúlase 'De Piñeiro a Superpiñeiro'
Xosé Manuel Piñeiro, na súa casa, cun exemplar do libro na man
photo_camera Xosé Manuel Piñeiro, na súa casa, cun exemplar do libro na man

Quixo facer un repaso á súa vida, en forma de libro, e conseguiuno. Para os que o coñecen só pola televisión, Xosé Manuel Piñeiro preséntase como «un tipo honesto». O mesmo que, de neno, cantaba os éxitos de Raphael, subido á hucha da súa avoa.

De que fala neste libro?

Da vida. Non é unha biografía pero si se contan no libro moitos momentos da miña vida. É tamén un álbum de fotos comentado, inclúo 250 imaxes da miña vida e tamén un CD con cinco cancións sen editar. Do que se trata é de que a xente coñeza o que hai detrás de Xosé Manuel Piñeiro, quen son.

É moi distinto o personaxe televisivo da persoa?

Non, porque sempre lle chisco o ollo ao espectador. No ‘Supermartes’ mostrábame dicharacheiro e en ‘Acompáñenos’, máis sosegado. Quero que o público me vexa, sobre todo, como un bo profesional do medio e seguir gustándolle á xente.

Quen era Xosé Manuel Piñeiro antes de que traballase na televisión?

Levo vintetrés anos na televisión e antes fun profesor. Son licenciado en Pedagoxía e traballei como orientador educativo. Aínda agora, estou en excedencia voluntaria pero teño praza nun instituto de Ourense. De todos os xeitos, levo subido a un escenario desde neno, e daquela facía xa actuacións en Allariz, de onde son eu, e en Ourense.

Leva vintetrés anos na televisión e que idade ten agora xa?

A idade non cha vou dicir, iso non se conta. Direiche que me atopo en plena madurez. Os anos danche unha sabedoría que non tes antes. Sigo facendo televisión e sigo cantando pero agora non cometería os erros do pasado. Digamos que estou no mellor momento da miña carreira.

Erros? Tivo moitos?

Non chos vou contar. Foron erros que se cometen moitas veces por un impulso xuvenil. Son tamén moi traballador e perfeccionista e iso deu lugar, ás veces, a estes erros.

"‘Supermartes’ foi un programa que se estudará como exemplo no medio audiovisual"

Gústalle que o identifiquen aínda como o Superpiñeiro, aquel home que presentaba ‘Supermartes’?

‘Supermartes’ foi un programa que se estudará como exemplo no medio audiovisual. Facelo foi un auténtico luxo. Era a primeira vez que se emitía un concurso en directo en España. Tres horas e pico cunha audiencia espectacular. Daquela era o programa estrela e estarei eternamente agradecido de telo presentado.

Comparte a idea de que aínda se identifique á TVG con vostede e con Gayoso?

A TVG emite sete días á semana as vintecatro horas. Eu ocupo só vintecatro días ao ano co espazo que fago agora, ‘Bamboleo’. Tamén se repiten os programas para sacarlles máis rendibilidade. Iso de que a TVG son Piñeiro e Gayoso son falacias. Na TVG hai excelentes profesionais. Outra cousa é que o público elixa o que quere elixir. Ter audiencia é unha sorte e tampouco teño por que pedir perdón por elo.

Comentarios