Arranca el programa ''Recíclate con Sogama'' en 17 centros educativos de Galicia

Dezasete centros de primaria das catro provincias galegas foron elixidos para participar no programa “Recíclate con Sogama 2013-2014”, aglutinando a máis de 1.300 escolares.

A iniciativa enmárcase no Plan Proxecta da Xunta e pretende formar aos cativos na correcta xestión de residuos, tanto nas aulas como nos fogares, e trasladarlles boas prácticas contempladas polo principio comunitario dos tres erres e a través do cal se pregoa a redución, a reutilización e a reciclaxe como soportes básicos e esenciais do tratamento final do lixo.
 
Os colexios adscritos ao programa promovido por Sogama deberán desenvolver agora os seus propios proxectos, que en todo caso deben ter un fin común: separar correctamente os refugallos e depositalos nos contedores axeitados para posibilitar o seu posterior reciclado; unha  tarefa na que non estarán sos, encargándose Sogama de asesoralos e proporcionarlles os medios necesarios, tanto materiais como formativos e de asistencia técnica.

O plan que se desenvolverá nos 17 colexios pasará pola edición de guías didácticas, presentacións en power point, así como de diverso material divulgativo de apoio (folletos, carteis, …), facilitando así a asimilación de conceptos e a resolución en tempo real de posibles incidencias.

Ademais, os centros serán dotados coas denominadas “illas de reciclaxe”, conformadas por tres contedores de 120 litros cada unha (amarelo, para os envases de plástico, latas e briks; azul, para o papel e cartón; e verde xenérico, para a fracción resto) que se ubicarán nos patios ou lugares estratéxicos de paso para que alumnos e profesores introduzan nos mesmos os desperdicios producidos durante a xornada escolar.

Así mesmo, as escolas que dispoñan de servizo de comedor, poderán contar igualmente cun composteiro de 360 litros de capacidade para fabricar abono natural de alta calidade, apto para ser utilizado como fertilizante en hortas e xardíns do recinto académico.

Por parte de Sogama, e máis aló do soporte didáctico, realizaranse inspeccións periódicas da calidade do material depositado nos distintos contedores co propósito de comprobar o nivel de acerto e, en función dos resultados, afianzar ou corrixir determinadas prácticas.

Así, e consciente de que a clave do éxito reside non só na subministración de medios, senón na formación e a concienciación, a empresa, da man da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e da Consellería de Medio Ambiente, desenvolveu o pasado sábado, día 26, no Instituto Politécnico de Santiago de Compostela, unha xornada formativa inicial, inaugurada polo Conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, na que participaron os coordinadores e docentes dos colexios adscritos a esta iniciativa a fin de que persoal ao servizo da Sociedade Galega do Medio Ambiente lles explicase de forma pormenorizada o alcance do programa e papel que deben desempeñar no mesmo.

Ademais, e co obxecto de que poidan tomar como referencia outras experiencias, representantes dos centros gañadores da pasada edición foron os encargados de explicar as súas vivencias no programa, desenvolvemento do mesmo , así como as dificultades, oportunidades e resultados alcanzados, trasladando os seus consellos e recomendacións de cara a garantir o éxito dunha iniciativa que agora se lanza por segundo ano consecutivo con grandes expectativas.

Más en Medio Ambiente
Comentarios