365 días xa

Sánchez visita a Zelenski en Ucraína. EFE
photo_camera Sánchez visita a Zelenski en Ucraína. EFE

Entre Sánchez e Zelenski hai bo rollo, nótase. Segundo a Moncloa, Zelenski convidou persoalmente a Sánchez hai dúas semanas a vir a Kiev xusto na véspera do primeiro aniversario da invasión rusa. O luns foi Biden, unha visita que fixo que a primeira ministra italiana, Giorgia Meloni, agardara un día enteiro en Polonia. Ámerica éche América. 

Segundo a delegación española a visita de Sánchez e todo o despregue que unha viaxe así conleva organizouse en só 15 días. Sexa como fora a foto con Zelenski e ter a honra de ser convidado a falar ante a Rada –o parlamento ucraíno– é todo un éxito das relacións internacionais españolas.

Sánchez é o quinto mandatario extranxeiro que fala ante os deputados ucraínos dende que comezou a guerra. Sánchez trouxo tanques baixo o brazo, España pode chegar a mandar dez, catro máis do que anunciara a ministra de defensa só unhas horas antes.

O tema dos avións dependerá do que decidan todos os aliados. Sánchez recoñeceu que Zelenski llos pedira persoalmente.

Ucraína, en boca do seu presidente agradece a España toda a axuda, a militar e a que non o é. E Sánchez aproveitou para dicir que para iso están os aliados internacionais. Unha axuda que lle tería vido moi ben a España cando Franco deu un golpe militar contra o réxime democrático, unha pulla agora xa só válida para os libros de Historia.

Sánchez visitou Bucha, o alcalde amosáballe as fotografías de como foran os traballos de exhumación das fosas comúns e a cara do presidente ía tornándose cada vez máis amarga. Sánchez díxolle que eses crimes non podían quedar así. Logo visitou Irpín e xa en Kiev estivo máis dunha hora reunido a soas co presidente Zelenski. Logo máis xuntanzas xa coas delegacións ao completo, rolda de prensa con dúas únicas preguntas, unha para os xornalistas de cada país, xantar de traballo, discurso ante a Rada, entrevistas na embaixada e volta para España. Unha xornada completa no país no que o mundo enteiro ten postos os ollos.

O xoves 23 de febreiro, á hora de pechar esta edición, non soaron nin unha soa vez as alarmas antiaéreas en Kiev. A xente intenta facer vida normal, pero pouca normalidade hai nun país no que todo o mundo perdeu algún ser querido, ou polo menos coñecido, de xeito tráxico nos últimos meses.

Sexan civís, sexan militares; fora polos ataques fora intencionadamente: a taxa de suicidios do último ano é unha incógnita, un psicólogo co que falei esta semana díxome que será abrumadora. Ademais, a meirande parte das familias están dun ou outro xeito separadas; por non falar dos danos materiais e as secuelas físicas e mentais de todo o anterior. Un desastre.

Fai hoxe un ano dende que comezou a invasión a gran escala, esta fase dunha guerra que comezara en 2014. Segundo a Onu a cifra de civís mortos é xa de 8.006, como eles ben din, é só a punta do iceberg. Estímase que só en Mariupol podería haber máis de 20.000 persoas mortas, pero as baixas na parte do país controlada polos rusos hemos tardar moito en sabelas. Canto tempo máis durará? Ningún temos a resposta.

Comentarios