Sobre o terreo

A acorazada Odesa

O ambiente nos paseos é bullicioso, non parece que arredor de 20 barcos rusos estiveran ameazando Odesa varias millas mar adentro
Ringleiras de xente para entrar no acuario de Odesa, este xoves. M.M
photo_camera Ringleiras de xente para entrar no acuario de Odesa, este xoves. M.M.

Debeu ser aló por 1994 en Pamplona, en primeiro de carreira, cando vin por primeira vez o Acorazado Potemkim, depois desa primeira vez, entre estudar e ensinar a película, nomeadamente a escena das escaleiras de Odessa, son ducias as veces que a vin. Levo dous días en Odesa e aínda non puiden visitar o lugar no que as forzas zaristas atacaban ao pobo que se solidarizaba cos mariñeiros do acorazado. As escaleiras están na zona militarizada deste enclave estratéxico. Nun briefing que tivemos onte cun representante de prensa do exército xa nos advertíu que nada de fotos ou vídeos nesa zona. 

Acabo de intentar visitalas e unha vez máis botáronme para atrás, xusto no momento que empezou un novo ataque contra esta perla de cidade, parece que unha vez máis as defensas antiaéreas terían funcionado. 

Odesa estase a preparar para a gran ofensiva, por iso nesta rexión hai que cumprir unhas normas aínda máis severas que no resto de Ucraína á hora de informar. Temos que enviarlle ao contacto do exército o plano que imos amosar e agardar polo seu visto e prace. Non nos controlan o que dicimos, iso sería inasumible pola miña parte, pero si todo o que amosamos. 

Levamos varias noites de ataques consecutivos. Rusia está a tentar bloquear as entradas/saídas da cidade. Case todas son vía pontes, o que é un perigo engadido, non é difícil quedar bloqueado aquí. Os rusos levan dous ataques consecutivos contra a ponte que atravesa a bahía que fai o río Dniéster na súa desembocadura. É unha ponte estratéxica xa que por ela ademais dos coches tamén vai o camiño de ferro que trae dende o outro lado da bahía suministros —e armas dende as viciñas Romanía e Moldova—. 

Non podemos dar fe de como de danada está a ponte, non nos deixaron vela, pero os soldados que a custodiaban dixéronnos, orgullosos, que aínda está en parte operativa. Non puidemos estar moito tempo alí porque agardan o terceiro ataque, precismente por iso.

Malia todo Odesa segue a ser unha cidade brillante, o lugar de vacacións dos ricos ucraínos. Toda a liña de costa, incluidas as fermosas praias están minadas, pero o ambiente nos paseos é moi bullicioso, non parece que arredor de 20 barcos rusos estiveran ameazando o lugar varias millas mar adentro. Si que hai moita xente cos seus prismáticos intentando albiscar ao inimigo, pero pouco máis fai patente esa ameaza. De feito as ringleiras de xente no acuario eran hoxe notables, o motivo? Dar a benvida aos golfiños trasladados dende Jarkov, na fronte leste do país, para tentar poñelos —polo momento— a salvo. 

Dende eses barcos no mar Negro Rusia envía casi todas as noites drons espías para conseguir información dos postos militares na cidade. Os soldados ucraínos intentan abatelos coas súas armas polo que nós polas noites temos que estar o máis afastados posibel das fiestras do hotel. 

Por voltar ao cotiá, aquí nótase en todo que estamos nun lugar de veraneo. Nas contas: moito máis altas que no resto do país; na xente: máis moderna e de lecer; nas tendas... No clima! Tiven que visitar esas tendas e pagar esas contas porque a miña maleta non estaba preparada para os vinte graos de aquí.

Comentarios