As ambicións nucleares do Brasil

Complexo Nuclear Angra I e II
photo_camera Complexo Nuclear Angra I e II

Lonxe do conflito que espertan Irán ou Corea do Norte, outro país quere dar nos últimos tempos un impulso ó seu programa nuclear. Hai uns días Lula da Silvia anunciaba que o Estado vai  investir uns 400 millóns de euros ata o 2011 no financiamento de enriquecemento de uranio, revitalizando un proxecto que leva máis de vinte anos conxelado. 

Quere dar así un paso máis en materia enerxética, unha vez conseguida practicamente a autosuficiencia petrolífera e convertida nunha gran potencia hidroeléctrica e na bandeira dos biocombustibles. Pero queda moi o medo a unha crise como a do 2001, cando o racionamento de electricidade paralizou decenas de industrias en todo o territorio. Nun país con taxas de crecemento do 5%, nada parece ser suficiente.

Unha central conxelada no tempo
Brasil conta coas sexta reserva mundial de uranio con tan só un 30% do territorio explorado. Malia isto, ata o de agora ten que envíar o mineral l a Canadá e posteriormente a Europa para enriquecelo, paso imprescindible para o seu aproveitamento enerxético. Co plan de financiamento anunciado por Lula da Silva, Brasil debería poder abastecer ata o 60% das súas centrais de Angra I e Angra II, no estado de Río de Janeiro.

Pero no horizonte aparece Angra III, que sumaría 1.350 megawatios a sumar ós 2.000 das dúas actuais e poder así atender á demanda de compradores estranxeiros. Segundo cálculos do goberno, a inversión necesaria para esta terceira parte do complexo Angra podería chegar a 3.500 millóns de dólares.  Este reactor comezou a construírse hai máis de 20 anos, gastando no seu día 800 millóns de dólares e paralizándose por falta de fondos e temores sobre seguridade, nun momento onde Chernobil amosou con crueza os grandes perigos da enerxía nuclear descontrolada. 

Importancia xeopolítica
O retorno ó programa nuclear é unha vella reinvindicación daqueles que pensan que Brasil non se debe contentar coa súa potencia e materia de biocombustibles e hidroelectricidade.  Pero detrás diso hai moito máis. Nun taboleiro mundial en crise, onde cada vez se oen máis forte as voces de Brasil, India ou China reclamando unha globalización diferente e o fin do mundo unipolar, a enerxía nuclear ten un poder estratéxico fundamental.

O certo é que se Brasil consegue enriquecer uranio, situaríase nunha posición de gran poder como potencia emerxente, e o goberno é moi consciente de que esta “chave nuclear” pode abrirlle a porta do Consello Permanente da ONU.

E mesmo se ninguén quere comparar estas ambicións enerxéticas coas de Irán ou Corea do Norte, o goberno de Lula xa se enfrontou a Axencia Internacional da Enerxía Atómica (OIEA) hai dous anos, negándolle a visita as súas instalacións nucleares, co pretexto de evitar espionaxe industrial. Isto choca cunha realidade onde a maioría de membros do 'club nuclear' ten competencia máis que demostrada na tecnoloxía empregada por Brasil. Máis alá diso, parece haber unha estratexia de reafirmación da soberanía e da dignidade nacional, unha demostración de forza.

Tampouco é casual o lugar elixido para anunciar o relanzamento do programa, nunhas instalacións da mariña e non nunha central. “Por que non soñar? Por que non podemos aspirar a ter un submarino nuclear?”, afirmou Lula hai algúns meses. Con este proxecto, pretendería reanimar a moral da armada, sen financiamento para grandes programas e que ve como a veciña Venezuela de Chávez se rearma coa última tecnoloxía militar.

Oposición ecoloxista
Para Lula “a enerxía nuclear é limpa, non contamina, e non vai causar infecto invernadoiro. E aquí, nunca teremos un Chernobil”. Malia isto, o rexurdimento nuclear conta coa firme oposición de moitas organizacións ecoloxistas, que denuncian un gasto inútil que debería investirse en mellorar a eficiencia e o aproveitamento das enerxías renovables.

Outras das alegacións é que a tecnoloxía que se empregará nos reactores de Angra III está obsoleta e que non é máis que un reforma da que se ía empregar hai 20 anos. Ademais critican que non se decidira un destino definitivo e seguro para os refugallos radioactivos.