Andrii e a despedida

Marcos Méndez con Andrii. ALBERTO HUGO ROJAS
photo_camera Marcos Méndez con Andrii. ALBERTO HUGO ROJAS
CATRO MESES, algo máis de 120 días en Ucraína. Agora si toca voltar, non digo pechar porque mentres continúe esta guerra non se poderá pechar esta cobertura, pero agora tócalle a outros contalo. Hai que contalo, non podemos esquecer o que aquí pasa. Seino, en Ucraína e en moitos outros sitios: Siria, Afganistán, Iemen, etc. Hai tantos lugares, tantas inxustizas que teñen que ser contadas que non me daría a páxina para nomealas. Deixo Ucraína xusto cando parece que a contraofensiva para recuperaren Jersón vai collendo xeito en forma de pequenos avances no terreo. Levan preparándoo todo o verán, con ataques na retagarda aos almacéns de municións rusos, ás comunicacións... E agora comeza o avance. Haberá que agardar aínda un tempo para ver como resulta o contraataque, polo de agora o alcalde de Jersón, Kiril Stremousov, que os rusos puxeron cando a invadiron, xa fuxiu a Rusia. Marcho cando queda por resolver a visita dos inspectores do OIEA á central nuclear de Zaporiyia, unha visita crucial, pero da que dubido que vexamos resultados nas vindeiras semanas. A central de Zaporiyia é agora mesmo como unha palleira chea de explosivos rodeada polo lume. Marcho cando se están a evacuar milleiros de persoas da rexión de Donetsk, toda a poboación deberá estar fóra de alí antes de que chegue o inverno; e cando todas as noites dende Kharviv até Odesa hai xente que morre polos mísiles rusos. Hoxe lin varios comentarios chamándome mentiroso. Non molestan, nadiña, por unha banda algúns de seguro son robots ao servizo da desinformación, pero seguro que algún é xenuíno, de xente que realmente pensa que teño máis imaxinación que Asimov. Repito, non me doe pero si que me fai pensar cara onde imos, pensar no necesario que é formar á mocidade en pensar. O preciso que é darlles ferramentas para que saiban discernir a información do que non o é, e que logo elixan, por suposto que elixan o bando, a cor, o medio que lles pete, pero informados e conscientes da súa elección. Estou nun tren camiño a Polonia. Deixo atrás o país no que vivín a metade deste ano. Deixo amigos, compañeiros, xente que me marcou para ben. Andrii foi o meu compañeiro case a metade deste tempo, el ficou no andén da estación de Leópolis despois de axudarme a subir as maletas ao tren. Eu marcho porque podo, el non ten esa posibilidade. Deume as grazas pola miña paciencia: algunha vez perdín os nervios con el por cuestión de comunicación —ten que darlle unha miguiña máis ao inglés— pero quen realmente tivo paciencia foi el comigo. Con Andrii rin, rin moito. Con el saín de situacións nas que non nos gustaría ter estado, con el traballei arreo, e del aprendín moito. Agardo ver a Andrii coa súa muller Maria, refuxiada en Alemaña, pronto. Sei que é máis un desexo que a realidade, porque todo indica que aquí vai haber guerra para rato. Marcho agardando estar errado e desexando voltar axiña para contalo.