Ao longo deste máis de ano e medio teño escrito moito sobre voluntarias e voluntarios, son unha parte fundamental da axuda aos que máis o precisan —outra cuestión é se debera ser así, xa que o que fan é encher un oco indispensábel que as institucións públicas, os gobernos de todas e todos, non son quen de encher—. O certo é que son fundamentais para a supervivencia de millóns de persoas, vémolo todos os días aquí, estes días en Marrocos e sempre que pasa algunha desgraza.
A primeira hora da mañá do sábado pasado enterábame —utilizo excepcionalmente nesta crónica a primeira persoa do singular— do ataque ao convoi de Road to Relief no que logo soubemos perderan a vida dous cooperantes, entre eles a primeira voluntaria —que non a primeira vítima— española desta guerra. Xente moi cercana a ela confirmábame que morrera no ataque. A mañá estivo chea de incertezas sen confirmacións oficiais e de moito intercambio de información con varias compañeiras xornalistas, con Miriam González, Olga Kosova e Almudena Ariza. Con algún que outro detalle máis, manexabamos a mesma información, e os catro tiñamos claro que non podiamos falar da morte de Emma até que algunha fonte oficial nola confirmara. Isto de contrastar e compartir información entre compañeiros semellaría algo lóxico a ollos de alguén alleo á profesión. Non o é.
Sobre as dez da mañá chamo ao servizo de emerxencia consular da embaixada de Kiev. O home que me atende dime que é a primeira información que ten do caso —unhas 10 horas antes a ONG publicara un chío no que falaba do paradoiro descoñecido de Emma—. Cóntolle a información que eu teño, a das miñas fontes —as mesmas que me puxeran en contacto con Emma semanas atrás para ver de coñecérmonos e facer unha reportaxe.— Deille os meus datos para que se podía me informara de algo e a súa única pregunta foi: "¿Trabaja para algún medio o es usted periodista independiente?" contesteille, claro, que ámbalas dúas cousas. Malia que quedara en avisarme en canto soubera algo a seguinte noticia que tivemos unhas horas despois foi a confirmación do ministro Albares da morte da cooperante española.
Entendo que o servizo de emerxencia consular non é un servizo de prensa, pero esa mañá chamei a tres móbiles distintos do servizo de prensa do Ministerio de Asuntos Exteriores sen ter resposta de ningún deles. Entendo que era sábado e se cadra estaban todos na India na xuntanza do G20, nunca o saberei. Os compañeiro da ONG de Igual estaban abrumados e pedían discreción e daban a única información que tiñan. A confirmación oficial de fontes de aquí era tarefa imposíbel. +As palabras do ministro servíronnos para contar o sucedido con oficialidade. De feito, catro días despois aínda nos se puido recuperar e cotexar ningún resto de Emma Igual. Os militares ucraínos estiveron no lugar do ataque polo menos, e que saibamos, dúas veces: primeiro para evacuaren aos dous feridos e logo para rescataren o corpo do cooperante canadiense morto. En ningunha das dúas ocasións viron o cadáver da española. O coche no que viaxaban emborcou e estourou tralo ataque. Segundo a Ministra de Defensa, Margarita Robles, iso explícao todo. Coido que leva razón. A zona na que foi atacado o coche dos cooperantes, preto de Chasiv Yar, é unha zona case de exclusión, os militares non recomendan ningún tipo de misión humanitaria alí polo seu altísimo risco, polo que o mérito do equipo de Emma Igual é dobre.
Cando tes que dar este tipo de información, na que as fontes oficiais non existen e nas que hai familiares agardando que alguén lles conte algo, tes que medir moitísmo as palabras, poñerte no lado deses familiares e pensar en se isto que vou dicir me afectaría a min estando no seu lugar. Se e así hai que hixienizalo dalgún xeito que non provoque aínda máis dor. Non é doado e nunca estás seguro de telo conseguido.
De Emma Igual xa se ten escrito moito, probábelmente nunca dabondo. Eu non a coñecía persoalmente así que pouco podo engadir ademais do máis absoluto repecto, cariño e loubanza ao seu traballo.
Axudaba aos que non querían marchar das súas casas malia que tiveran a morte tan preto.
Escribo estas liñas dende Kramatorsk, unha cidade en primeira liña de fronte chea outra vez de nenos e nenas, de vida, nada que ver co que me atopara a primeira vez que vin.
Cando paso por aldeas como nas que traballaba Igual sempre lle pregunto o mesmo á xente: por que fican aquí? A respostas son case sempre as mesmas: non teñen onde ir —cando se evacúa xente sempre se lles ofrece unha alternativa, pero nunca será o seu lar—. A meirande parte dos que fican son xente moi maior que pensan que será peor o remedio de moverse que o de quedar na súa casa. Évos así. Triste e moitas veces difícil de entender, pero é así e hai que repectalo. Por sorte para toda esa xente sempre haberá alguén como Emma Igual que tentarán ir axudalos, aínda que se deixen a vida nelo.