Clearstream, a ruína política de Villepin

Dominique de Villepin, nos debates da ONU no 2003, no seu momento de maior popularidade (Foto: UN.com)
photo_camera Dominique de Villepin, nos debates da ONU no 2003, no seu momento de maior popularidade (Foto: UN.com)

O último primeiro ministro da “Era Chirac”, Dominique de Villepin, quedou hoxe imputado polo chamado caso Clearstream por “complicidade en denuncia calumniosa”, unha trama que tentou evitar a chegada ó Elíseo de Nicolas Sarkozy.

Villepin, que se negou a declarar ante os xuíces, asegurou á saída dos xulgados que “nunca participou en ningunha operación política deste tipo”. Tamén queda imputado por “receptación de roubo e abuso de confianza” e por “complicidade de uso e falsificación de documentos”.

Os xuíces chamaran a declarar como testemuña a Villepin despois de que uns documentos atopados recentemente suxeriran a súa implicación na trama que pretendía desacreditar a Sarkozy.

Clearstream, falsas acusacións anónimas
O escándalo coñecido como “Caso Clearstream” comezou a remover as bases da política francesa no 2004, cando saíron a luz acusacións anónimas que resultaron ser falsas. Estes documentos indicaban que Sarkozy e outros políticos franceses tiñan contas segredas en Luxemburgo relacionadas con sobornos pola venda de fragatas a Taiwán.

Sarkozy non aparecía na primeira lista de contas falsas enviada ó xuíz, pero si na segunda. Na investigación demostrouse que os documentos foran falsificados, liberando a Sarkozy das sospeitas que poderían ter torpedeado a súa carreira cara ó Elíseo en favor precisamente de Villepin.

En maio de 2006, Jean-Louis Gergorin, ex vicepresidente do consorcio aeronáutico EADS e amigo de Villepin, recoñecía ser a fonte anónima dos listados. As investigacións comezaron a centrarse entón en Villepin, pero tamén en Chirac.

Villepin foi chamado a declarar por primeira vez en decembro pasado e parecía entón libre de toda responsabilidade. Pero a aparición de novas informacións nas que se desvela que o  ex-primeiro ministro tería tentado desestabilizar a Sarkozy no 2004, dá un novo xiro á investigación.

A semana pasada, Gergorin afirmou ante o xuíz que mandou enviar as cartas anónimas a petición de Villepin, o que levou a un rexistro no seu despacho e unha nova convocatoria para declarar, a de hoxe, trala que queda finalmente como inculpado. O seguinte no punto de mira dos xuíces pode ser Jacques Chirac, o que lle daría a este caso unha implicación e relevancia nunca vista antes. 

Villepin, unha carreira ligada a Chirac
Mesmo se é posible que Villepin saia exculpado deste caso, será difícil que a súa carreira política non quede arruinada. Este estadista, gran coñecedor da historia napoleónica, estivo ligado á “alta política” da man de Jacques Chirac dende comezos dos anos 80. Malia isto, en máis de 20 anos, nunca ocupou un cargo elixido por votación popular.

O seu nome cobrou relevancia internacional no 2003, cando sendo ministro de exteriores, representou a Francia nos debates do Consello Permanente das Nacións Unidas  previos á invasión militar de Iraq.

A brillantez do seu discurso, contrario ás a represalias militares, contrastaron co pouco poder de convicción  de Colin Powell. A ONU rexeitou a proposta dos Estados Unidos, o que non lles privou de continuar cos seus plans. 

Villepin saíu reforzado dos debates, colocándose de facto na liña sucesoria de Jacques Chirac. Foi considerado a partir de entón o seu delfín político, o home que debería continuar co seu legado. Todo o contrario de Nicolas Sarkozy, enfant terrible da Dereita francesa e fonte permanente de desencontros co presidente francés.

O trampolín roto
Despois das eleccións do 2005, nas que a Dereita perdeu case todo o seu poder nos gobernos rexionais, Chirac destituíu ó Primeiro Ministro Jean-Pierre Raffarin encargándolle a formación dun novo gabinete a Villepin, cando todo apuntaba a Nicolas Sarkozy, que se tivo que conformar co Ministerio de Interior.

O posto de xefe de goberno debía ser o trampolín que o catapultase a ser o candidato nas eleccións xerais, pero o desgaste sufrido en dous anos -manifestacións de estudantes, folgas xerais, disturbios en París...- arruinaron esa posibilidade. Agora, a palabra Clearstream pode ser o epitafio da súa vida política.    

Comentarios