Comeza o xuízo ao ex-presidente de Liberia por crimes contra a humanidade

O Tribunal Especial para Serra Leona comezou o xuízo ao ex-presidente de Liberia, Charles Taylor, acusado de crimes de guerra e crimes contra a humanidade. A Taylor impútanselle 11 cargos que inclúen graves violacións das leis humanitarias internacionais, terrorismo, asasinatos, saqueos, esclavismo sexual e recrutamento de nenos soldados, todos eles cometidos durante a guerra civil de Serra Leona.

Charles Taylor negouse a comparecer na sala do Tribunal nesta primeira xornada da vista xudicial. Con todo, o Tribunal decidiu que o xuízo pode continuar sen que sexa necesaria a presenza do acusado.

O proceso xudicial contra o antigo xefe de Estado de Liberia comezou en marzo de 2003, cando foi acusado de 17 cargos por crimes de guerra e crimes de lesa humanidade. Tres anos despois, en 2006, Taylor foi detido e o Tribunal Especial reduciu a 11 o número de imputacións. En xuño, o Consello de Seguridade da ONU autorizou que o xuízo se celebrase na Haia, en Holanda, por razóns de seguridade. Así, a vista xudicial está a desenvolverse nunha sede da Corte Penal Internacional nesa cidade.

Os fiscais anunciaron que chamarán a declarar a preto de 140 testemuñas presenciais. Prevese que o xuízo se prolongue durante máis dun ano.

Segundo un comunicado publicado pola ONU o pasado mes, o feito de que Taylor sexa sometido á xustiza "demostra que ninguén está por enriba da lei". O fiscal especial do Tribunal, Stephen Rapp, declarou que o xuízo "constitúe unha vitoria contra a impunidade. "As acusacións contra Taylor, a súa detención e o seu arresto son un recoñecemento da persistencia da comunidade internacional, os gobernos da rexión, e do valente pobo de Serra Leona", declarou.

Guerra de Serra Leona
A Corte Especial que xulgará a Taylor foi establecida en 2002 por acordo entre o goberno de Serra Leona e as Nacións Unidas. Ten o mandato de enxuiciar aos principais responsables de crimes de guerra cometidos no país a partir do 30 de novembro de 1996, durante a segunda metade da guerra civil que asolou Serra Leona durante toda unha década.

O conflito comezara en 1991, cando o Frente Revolucionario Unido (RUF) liderado por Foday Sankoh se sublevou contra o goberno. Tras oito anos dunha guerra sanguenta, en 1999 acadouse un acordo de paz en Lomé (Togo) pero ao ano seguinte a violencia volveu ao país. Finalmente, a intervención británica na chamada 'Operación Palliser' (no ano 2000) puxo fin oficialmente ao conflito.

A guerra causou centos de miles de mortos e dous millóns de refuxiados, o que supón un terzo da poboación do país. Milleiros de mulleres e nenos foron mutilados e moitos outros usados como soldados. Moitos habitantes que marcharon dos seus fogares aínda non puideron regresar ao país.

Comentarios