Sobre o terreo

Cousas de nenos

Xente paseando entre tanques nunha exposición en Kiiv. M.M.
photo_camera Xente paseando entre tanques nunha exposición en Kiiv. M.M.

Non me gustou nada a exposición de vehículos militares que estes días ocupa uns 300 metros da avenida Khreschatyk en pleno corazón de Kíiv. Está na mesma avenida pola que os rusos pretendían desfilar victoriosos a finais de febreiro tras acabar co goberno de Zelenski. Hay arredor de 50 tanques, lanzafoguetes, vehículos de transporte e mesmo mísiles rusos a modo dese desfile militar.

A xente pasea entre eles, sobe e entra neles tirarse fotos, píntanos con insultos... Entendo que son un elemento máis de propaganda en tempos de guerra. Un plató perfecto —había días que estabamos alí case tantos xornalistas coma curiosos— para as televisións internacionais e unha demostración para o consumo interno de que David pode volver gañar a Goliat. Algúns dos kiivitas cos que falamos dixéronnos que lles parecía un gasto superfluo nestes momentos, outros estaban encantados. Paseamos por alí cun militar ferido na fronte e non daba crédito ao ver aos nenos subírense aos carros de combate e os seus pais tirándolles fotos. Non son xoguetes, dicía, non son cousa de nenos.

Chegamos a Dnipro hai unhas horas. A central nuclear de Zaporiyia volve estar en alerta. Por primeira vez dende que se construíu desconectouse durante horas da rede eléctrica ucraína por mor dun lume. Xusto enfronte da central, da outra beira do río, está Nikopol. O acceso está pechado para os xornalistas. Cóntanos Dimitri que hoxe (xoves) foi unha cidade pantasma. Todos os comercios, mesmo os bancos, están pechados. A pouca xente que queda está dentro das súas casas porque as bucinas antiáereas levan soando todo o día e hai ataques continuos dende a outra beira do río, precisamente dende a central nuclear. No momento de escribir isto, segundo Energoatom, a empresa ucraína encargada da central nuclear, os seis reactores da planta están agora mesmo desconectados e a seguridade da maior central nuclear de Europa depende da enerxía xerada nunha central térmica. Os planos de Rusia para Zaporiyia pasarían precisamente por desconectala da rede ucraína e desviar a enerxía xerada cara Crimea. Rusia e Ucraína piden en público unha visita urxente á central por parte de expertos do Organismo Internacional para a Enerxía Atómica, pero esa visita tan necesaria non chega.

Ucraína non quere que signifique unha aceptación do control ruso da planta, Rusia, e segundo imaxes que puidemos ver de camións militares dentro da central, tería moito que agochar ou sacar de alí antes de que chegaran os inspectores. O malo é que o tempo corre en contra de todos. Un incidente nuclear tería consecuencias catastróficas, por si mesmo e polo que podería significar na guerra coa máis que probable entrada na mesma de outros países ou mesmo da Otan. Igual que os tanques, unha central nuclear non é un xoguete para nenos. A ver se por fin o entenderan.

Comentarios