jueves. 27.01.2022 |
El tiempo
jueves. 27.01.2022
El tiempo

Finalmente, será 'pingüina'

Finalmente, e tal como viñan asegurando os rumores nos últimos meses, será Cristina Fernández de Kichner a candidata a suceder ó seu marido na elección presidencial de outubro. Néstor Kichner renuncia así a reelección malia ter todas as sondaxes ó seu favor.

A avogada e senadora Cristina Kirchner é unha das principais conselleiras do seu marido, e segundo o xornal Clarín, sería elixida en primeira volta co 45% dos sufraxios, unha porcentaxe 6 puntos menor da que conseguiría o seu marido. Aínda así superan en máis de 30 puntos a calquera dos seus rivais, a deputada de centroesquerda Elisa Carrio, o ex ministro de economía Roberto Lavagna e o economista Ricardo López Murphy. No horizonte aparece novamente a figura do ex presidente Carlos Menem, pero sen ningunha opción de repetir a sorpresa de hai cinco anos, cando conseguiu meterse nunha segunda volta da que renunciaría ó comprobar que a vitoria era imposible.

Hai uns meses Néstor Kirchner alimentou os rumores que situaban á súa muller á fronte da carreira presidencial ó dicir que o seu partido, o Frente para la Victoria, “terá o seu candidato cando corresponda, sexa arxentino ou arxentina, pingüin ou pingüina” (a imaxe do pingüín levaría á Patagonia, onde o matrimonio comezou a súa carreira política).

Por outro lado non se desvelaron os motivos polos que Néstor Kirchner non se presenta á  reelección malia contar cun apoio tan maioritario. Mesmo se se rumoreou que pode ter unha enfermidade que lle impediría presentarse pero este extremo nunca foi confirmado. Algúns politólogos sinalan que o matrimonio tería en mente unha alternancia inaudita na que tentarían tornarse na presidencia, dando un rodeo á lexislación arxentina que non permite máis de dous mandatos consecutivos.

Horizonte 2011
Néstor Kirchner podería presentarse entón no 2011, onde todo apunta que o Frente para la Victoria contará cunha oposición máis consolidada, seguramente representada por Mauricio Macri, empresario, presidente do equipo de fútbol Boca Júniors, e recentemente elixido alcalde de Bos Aires.

En todo caso, se Cristina Kirchner resulta elixida, será a segunda muller presidenta do país, despois de Isabel Perón que sucedeu ó seu marido Juan Domingo Perón en 1974, dous anos antes de ser deposta por un golpe de Estado militar.

Finalmente, será 'pingüina'
Comentarios