400.000 persoas evacuadas en Cuba pola cercanía do furacán Dean

Traxectoria dos ventos do Dean para os vindeiros tres días, segundo as previsións do NHC.
photo_camera Traxectoria dos ventos do Dean para os vindeiros tres días, segundo as previsións do NHC.

Dean, o primeiro furacán da temporada, está a sementar o medo no Caribe. O ciclón, de categoría catro na escala Saffir-Simpson, achégase xa a Cuba, onde 400.000 persoas foron evacuadas ante o risco de inundacións.

Tras azoutar a illa de Xamaica, o ciclón mantén a súa traxectoria cara o oeste, que o levará, segundo as previsións do Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos (NHC), a colocarse durante o día de hoxe ao sur das Illas Caimán e mañá acadar a Península mexicana do Iucatán. Esta traxectoria fai que a proximidade do ciclón xa se estea a sentir en Cuba. O goberno da illa decidiu evacuar a poboación da zona leste do país, onde se están a producir grandes ondas e as primeiras inundacións.

Xamaica
Segundo a última previsión do NHC, Dean deixará Xamaica durante esta mañá, tras azoutar a illa con fortes chuvias e ventos de máis de 230 quilómetros por hora. O goberno decretou o estado de emerxencia e os aeroportos permanecen pechados polo paso do furacán. O ciclón pasou de cheo sobre Xamaica, onde as autoridades habilitaron refuxios para a poboación, pese a que a maioría dos habitantes do país permaneceron nas súas casas por medo aos saqueos.

A chegada do ciclón desatou o pánico na illa, e os seus habitantes vaciaron no día de onte tendas e supermercados para abastecerse de produtos de primeira necesidade.

Polo de agora non se informou dos danos que o furacán causou na illa de Xamaica. Con todo, este primeiro furacán da temporada no Caribe xa deixa tras de si un tráxico balance de cando menos sete persoas mortas ao seu paso polas illas de Santa Lucía, Dominica, República Dominicana e Haití.

México
A traxectoria do furacán prevista polo NHC para as próximas 24 horas amosa que a influencia do Dean se afasta da costa sur dos Estados Unidos, o que o fará impactar no centro da península do Iucatán. O goberno estatal decretou a alerta laranxa de risco de furacán nos Estados de Quintana Roo, Iucatán e Campeche.

Segundo a traxectoria actual de Dean, o ollo do furacán non afectaría de cheo á zona mexicana de Cancún, onde se ubican os principais complexos hoteleiros do país. Así, o goberno cancelou a evacuación dos turistas ordenada no día de onte, ao tempo que lles aconsella que permanezan nos hoteis e manteñan a calma.

Pola contra, ante o risco de que Dean impacte en 'Los Chunes', unha das zonas de poboación indíxena maia máis pobre do país, os seus habitantes están a ser evacuados. Non se descarta ademais que o ciclón aumente de categoría (ata a cinco na escala Saffir-Simpson), o que conlevaría que ventos sostidos de máis de 250 quilómetros por hora comezasen a azoutar o caribe mexicano.

Comentarios