A cultura política en Asia Central

Durante a Guerra Fría, Bulgaria foi un dos estados máis fieis e comprometidos co bloque socialista, pouco máis que unha franquicia do PCUS fóra das súas fronteiras. Chegou ao extremo de solicitar oficialmente a súa adhesión á mesma URSS, como unha república socialista soviética máis. Sería a decimosexta, pero disque Moscú rexeitou a petición. Entre outros motivos, para non provocar aos amigos americanos. Coñecendo a dinámica da Guerra Fría, sería de mal gusto que unha das dúas superpotencias ampliase o seu territorio nacional máis aló do acordado en 1945 na Conferencia de Postdam.

A explícita fidelidade búlgara tiña o seu paralelo interno nas repúblicas soviéticas de Asia Central, uns territorios onde a estrutura clánica das súas poboacións superpúñase á organización política. Leonid Brezhnev comprendeu o poder desas redes clánicas e apoiouse nelas para manter controlado o goberno destas repúblicas. Dende aquela, os políticos de Asia Central adquiriron unha extrema fidelidade ao sistema. E non só ao soviético. Senón ao mesmo concepto de sistema, entendido como unha estrutura de poder pechada, de acceso e distribución restrinxida.

Isto explica porqué en pleno colapso da Unión Soviética os centroasiáticos foron os últimos en reclamar a súa independencia. Non tiñan tradicións nacionais que reivindicar, coma ocorría en Europa e mais no Cáucaso. A composición étnica das repúblicas tampouco era estritamente homoxénea (Stalin non tiña moito máis xeito que os seus inimigos imperialistas trazando fronteiras). Os centroasiáticos estaban afeitos a xestionar unha cuota de poder limitada que tamén acotaba as súas responsabilidades. Ante a vaga de independencias do ano 1991 amosáronse desorientados. Estes políticos controlaban as redes de poder, o esquelete dos novos estados, mais daquela estes estados non tiñan sentido fóra dos procesos estritamente administrativos. Foron eles, e en moitos casos seguen sendo, os que tiveron que encher de contido as novas nacións. Coma di Olivier Roy, tiveron que “fabricalas”.

As recentes eleccións lexislativas en Cazaquistán
Cazaquistán foi, de todas as repúblicas centroasiáticas, a última en proclamar a súa independencia, o 16 de decembro de 1991. O seu presidente, Nursultán Nazarbáiev, levaba no cargo apenas un ano, pero ese día asumiu a todos os efectos a xefatura do estado cazaco. E dende aquela ate hoxe. Ate a súa morte se ninguén llo impide.

As redes de poder do sistema soviético mantivéronse pechadas e derivaron cara unha estrutura de poder fortemente presidencialista. As cinco repúblicas centroasiáticas son, nestes momentos, estados autoritarios enmascarados baixo unha feble aparencia democrática. En Turcomenistán non tiveron ningún reparo en abandonar as apariencias e funcionar coma un réxime totalitario, un modelo capaz de sobrevivir mesmo ao pasamento do seu creador, o defunto presidente Saparmurat Niyazov, Turkmenbachi, “o cabeza dos turcomanos”. Pola contra, en Quirguicistán, un estado sen petróleo nin gas no seu subsolo, dáse o único caso de alternancia no poder: a Revolución dos Tulipáns de Marzo de 2005 forzou á renuncia de Askar Akaiev, o presidente da independencia, pero non por iso garantiu a democratización do país.

Neste escenario rexional, un resultado do 88% dos sufraxios favorábeis ao partido do presidente nas recentes eleccións lexislativas cazacas non debe sorprender a ninguén. Volvemos a Bulgaria. Ao concepto “congresos á búlgara”, onde o candidato oficial saía elixido por un noventa e moitos por cento, sen espazo para a disidencia. O partido de Nazarbáiev, Nur Otan (“Luz da Patria”), será o único en estar presente no parlamento, o único con licencia para lexislar. Nin o Partido Nacional Socialdemócrata nin o Ak Zhol (“Sendeiro Luminoso”) acadou o 7% dos votos, o mínimo para entrar no parlamento, aínda que os seus líderes aseguran ter superado esa barreira, unha porcentaxe bastante abusiva en todo caso. Ante semellante política de feitos consumados, a oposición non pode facer máis que denunciar o fraude, antes á procura de valedores internacionais que de apoios internos.

Estas eleccións limítanse a confirmar a ditadura fáctica de Nazarbáiev. Difícil considerar democrático a un parlamento unipartidista. Por hexemónico que sexa o Nur Otan, estes resultados e estas acusacións concordan coas denuncias da OSCE durante os comicios presidenciais de 2005, cando Nazarbáiev saíu elixido polo 91% dos sufraxios: irregularidades durante a campaña, acoso á oposición e manipulación das urnas.

O estado cazaco, con todo, funciona. As inxentes reservas de minerais e de hidrocarburos garanten unha economía extractiva alimentada pola forte demanda global. Non van ser Rusia, Estados Unidos ou Alemaña quen se opoña ao actual réxime político, sendo as súas compañías as que explotan estes recursos.

O estado español tamén leva a súa parte. Un exemplo: os trens que circulan polo seu sistema ferroviario son Talgos. Outro: as grandes construtoras estatais están levando para aló os seus tixolos. Seica os cazacos tamén queren casa propia, e niso os construtores españois levan certa vantaxe no mercado internacional. Imaxino os debates no Ministerios de Asuntos Exteriores: A democracia está ben, pero o negocio é o negocio. E así, as redes de poder clánicas herdeiras do sistema soviético perpetúanse no poder.

Comentarios