Viñen de volta a Ucraína para contar historias pequenas, se é que se lle pode aplicar ese adxectivo a algunha. As historias que merecen ser contadas e que conforman o relato máis amplo da guerra. Hoxe quería escribir sobre o meu colega Stephan, pero unha vez máis a actualidade coas súas grandes historias, as certas e as que o son menos, cruzáronse no meu camiño.
O pasado 6 de setembro un mísil na cidade de Konstantinivka, na fronte do Donbás, mataba 15 persoas e fería máis de 30. Foi nun mercado a plena luz do día. Lembro que chegamos a ese mercado só unhas horas despois do ataque. O cordón policial estaba a varios metros do lugar do impacto do mísil e durante horas non nos deixaron achegarnos ao lugar, algo normal. As noticias oficiais eran que un mísil ruso S-300 (un proxectil de defensa antiaérea modificado que Rusia leva usando dende o comezo da invasión) fora o causante da masacre. E así o contamos. Esta segue a ser a versión oficial e da que nós temos que dar conta, iso si, se xorden dúbidas tamén é o noso traballo tentar aclaralas.
As dúbidas xurdiron hoxe (martes) cando o New York Times publicou un artigo con varias evidencias de testemuñas gráficas e sonoras coas que chegan a unha conclusión: moi probablemente o mísil fora doutro modelo e lanzado dende territorio ucraíno. Un proxectil que puido terse desviado do seu obxectivo, os erros ocorren. Non vou desgranar aquí a investigación dos colegas. O artigo está asinado por 6 expertos e xornalistas que contan en total con 7 premios Pulitzer. As probas que aportan son convincentes —que non quere dicir que sexan a verdade total, convincentes son tamén moitas mentiras— pero que deberían levar aos servizos de información ucraínos a afinaren máis no seu informe do que realmente aconteceu. A mesma tarde do 6 de setembro o propio Zelenski acusaba a Rusia novamente dun crime de guerra contra a poboación civil. Durante ese día e o seguinte eu fixen varias conexións nas que contaba a información que tiñamos e o que eu vía no lugar.
Horas despois de publicado o artigo do NYT, xusto con Zelenski en Nova York para asistir á Asamblea Xeral da Onu, a información oficial segue a ser a mesma cun engadido: aos informadores que asinan o artigo quitóuselles a acreditación para traballaren en Ucraína co pretexto de que a investigación é unha gran manipulación, pero sen aportaren probas para refutalo. Queda da man de cada un a quen crer. Eu nunca fun corporativista, así que non entendades deste xeito as miñas palabras, pero por experiencia adoito crer antes a un xornalista serio que a un gobernante.
O asesor de Zelenski, Mikhailo Podoliak, a quen dirixín un par de preguntas sobre o caso esta mañá, non aclarou moito a cuestión. Xulgade vós: "A aparición de novas en medios estranxeiros con dúbidas sobre a participación de Rusia no ataque a Konstantinivka fai que medren as teorías conspiranoicas, e porén, requiren dun exame e avaliación legal por parte das autoridades que levan a investigación. A sociedade seguramente recibirá unha resposta ao que realmente aconteceu...". Para logo dicir, por se alguén aínda non o soubera, que Rusia comezou esta guerra. Máis ca unha resposta o texto do asesor feito público en X (antes Twitter) semella outra cousa. Coido que, con este tipo de mensaxes é precisamente Kíiv quen alimenta as dúbidas. A liberdade de prensa non é precisamente o punto forte de Ucraína, non o digo eu, é unha das tarefas pendentes nas que a Unión Europea fai máis énfase para admitir ao país no grupo. Os xornalistas que estamos aquí, locais e estranxeiros, temos algunha queixa sobre como se trata a información e aos informadores, e diso, igual que da mala praxe de certos compañeiros, teño escrito nestas crónicas. Entendo o difícil da situación, e a necesidade que o país ten de colocar o seu relato: unha historia real de crimes de guerra e de horror, pero iso non xustifica todo. Ao final, Ucraína depende da axuda de Occidente para gañar esta invasión, e se a opinión pública estranxeira, a que ve e le os medios de comunicación aos que fai referencia Podoliak, non apoia a Ucraína, é moi probábel que o deixen de facer os seus gobernos. Os xornalistas, en xeral, non somos deuses nin parvos. A ver se esas probas sobre o acontecido chegan nalgún momento para refutar ou ben para eloxiar o traballo dos reporteiros que o asinan e que non han poder traballar máis aquí. A verdade, a primeira vítima dunha guerra, adoita coñecerse más tarde ou máis cedo. A ver que pasa neste caso.
Falei antes de Stephan, unha vítima máis desta guerra. A súa é unha desas pequenas historias: a de tantas familias rotas por mor dos rusos. A súa muller marchou ao estranxeiro cos seus cativos refuxiarse dos ataques. El tivo, ten, que ficar aquí. Agora ela, que non quere voltar, pídelle o divorcio. Unha historia común, sinxela, sen ninguén máis a quen culpar que a esta guerra, que imaxino se repetirá a moreas entre as parellas separadas por ela, pero das que rara vez se escribirán titulares.