A Democracia en Oriente Medio

Como convencer á poboación palestina das virtudes da democracia? A diplomacia estadounidense e israelí esfórzase dende hai anos en gabar este sistema político nos seus discursos ante o mundo islámico, adicando as súas atencións a todo gobernante que se axuste a el. O pasado martes 19 de xuño, por exemplo, George Bush Jr. e Ehud Olmert reuníronse en Washington con Mahmud Abbas para darlle unhas palmadiñas no lombo por ser un bo esbirro: un político que concorda cos intereses occidentais malia ter ao seu pobo escindido. A Unión Europea tamén anunciou que vai desbloquear a axuda económica para apoiar ao novo executivo. Un executivo, iso si, constituído contra a vontade das urnas. Pero iso son minucias, non hai que darlle publicidade...

Un palestino que nacera na Franxa de Gaza hai vinte anos terá pasado toda a súa vida baixo a presión de dúas intifadas e das incursións israelís. Outra persoa que teña trinta anos mesmo podería ter participado na primeira das intifadas. Son xa demasiadas décadas aturando esa tensión, con só pequenas tempadas de calma, como a que sucedeu aos Acordos de Oslo (incumpridos por Israel) de 1993 e 1995. A organización política / organización terrorista Hamas medrou nese contexto, e fai política para os cidadáns que subsisten así. Pero non para Occidente.

Que confianza pode ter na democracia un palestino que vexa como o resultado electoral dos últimos comicios non é respectado nin pola comunidade internacional que os organizou? Ese é o problema da democracia en Oriente Medio. A actividade neocolonial dos seus valedores desprestixia este sistema ante os ollos dos cidadáns aos que tentan convencer. É unha democracia intervida dende o exterior, adurmiñada. E o sono desta democracia produce o islamismo.

A Historia da primeira metade do século XX en Oriente Medio estivo determinada pola desintegración dos territorios do Imperio Otomano, convertidos en colonias polos estados vencedores da Primeira Guerra Mundial. O liberalismo político ficou enlamado daquela pola administración colonial e deu como resultado a emerxencia do socialismo árabe de Gamal Abdel Nasser en Exipto, da Fronte de Liberación Nacional en Alxeria, do Partido Baaz en Siria e Iraq, e mesmo da organización Al-Fatah en Palestina.

Pero o socialismo árabe tampouco puido resolver os problemas da rexión. Nin no político nin, lamentablemente, no económico. Palestina é unha ferida que leva sesenta anos fervendo. E os que lle quedan! O enfoque co que Occidente afronta o conflicto só ofrece solucións egoístas, apaños que a poboación árabe leva tempo sen aceptar. E mentres o patrón debate nos despachos os problemas dos seus escravos, o pobo palestino, lonxe de recuar, avanza co poderío que lle vai dando a demografía.

O fracaso do socialismo árabe provocou a emerxencia do islamismo como movemento político, unha ideoloxía cunha sólida base asistencial que puido afrontar con máis éxito que o estado os problemas cotiás da poboación desfavorecida. Vendo as súas esixencias políticas, ninguén confía no islamismo, nin os propios árabes que detentan o poder. Esa falta de entendemento dá lugar a acontecementos como o autogolpe de estado que os gobernantes alxerianos deron en 1991 para impedir o ascenso electoral da Fronte Islámica de Salvación. Logo tiveron unha guerra civil case peor que a guerra de independencia.

Todos os desastres da democracia liberal en Oriente Medio (Palestina, Líbano, Iraq, etc) contrastan coa limpeza e eficiencia dos comicios restrinxidos que se celebran na República Islámica de Irán, probablemente o país musulmán da rexión onde mellor funcionan os mecanismos da democracia. Iso si, funcionan ao seu xeito, con todas as restriccións que lle impón un réxime controlado polo Consello de Gardiáns da Revolución, o goberno autoritario na sombra. Este paradoxo entre o éxito da democracia en Irán a partir da alteración islamista debería facer pensar aos think tank estadounidenses e israelís nalgo máis que non sexa a erradicación político-militar do réxime iraní. Pero Occidente crese sabio, claro. Todo sexa pola expansión da nosa democracia...

Comentarios