Dimite a ministra arxentina que gardaba millóns no baño do seu despacho

Felisa Miceli, ex ministra de economía arxentina (Imaxe: Agência Brasil)
photo_camera Felisa Miceli, ex ministra de economía arxentina (Imaxe: Agência Brasil)

A ministra de Economía arxentina, Felisa Miceli, presentou esta noite a súa renuncia no medio dun forte escándalo que sacudiu a política do país. A dimisión chega días despois de que se descubrise unha bolsa de papel con 200.000 dólares (uns 150.000 euros) nun armario do baño do seu despacho, durante unha revisión rutinaria de seguridade.

A (ex) ministra declarou entón que os cartos eran para unha operación inmobiliaria que nunca chegou a concretarse pero a orixe da bolsa resulta tan confusa como as explicacións que dou ó longo destes días. Miceli dixera que a maior parte do diñeiro era un préstamo do seu irmán, pero ningún movemento bancario nas súas contas ou nas dos seus familiares permiten verificalo.  Ademais, nin Miceli nin o seu irmán son clientes do banco que emitiu os billetes atopados no seu despacho.

A renuncia chega horas despois de que o xuíz ordenara ó fiscal federal Guillermo Marijuán que se ocupara do caso ante as sospeitas de irregularidade que rodean os casos. Malia todo, a dimisión era un segredo a voces, e dende hai días corrían rumores sobre quen ocuparía a súa vacante. Finalmente, será Miguel Peirano, ata o de agora Secretario de Industria.

A primeira muller á fronte do Ministerio de Economía
Felisa Miceli, de 53 anos, chegou ó Ministerio de Economía hai 18 meses, despois da saída de Roberto Lavagna, un dos homes herdados por Kirchner do anterior gabinete de Eduardo Duhalde e que se presentará as próximas eleccións presidenciais.

O propio Lavagna foi quen recomendou a Miceli dous anos antes para presidir o Banco Nación. É a primeira muller á fronte do Ministerio de Economía. Tamén a primeira en deixalo por motivos xudiciais.

A diferencia dos seus antecesores no cargo, foi unha ministra “de perfil baixo”. Os temas máis polémicos do seu mandato, a forte inflación e a crise enerxética foron xestionados directamente polo presidente ou polos seus asesores de máxima confianza.

A tres días do Día K
A dimisión de Miceli dáse a tres días da presentación oficial da candidatura presidencia de Cristina Fernández de Kirchner que aspira a suceder ó seu marido na Casa Rosada. Todo isto puido acelerar a súa saída do ministerio, pois neste momento, máis aínda que políticos honrados, os Kirchner necesitan políticos que o parezan.


Máis info: La Nación - Clarín
Imaxe: Agencia Brâsil (Wikimedia)

Comentarios