A diplomacia e as incoherencias

No entorno da muralla construída por Israel para separar a xudeus de árabes hai cámaras. Os palestinos viven un Gran Hermano vixiado as 24 horas por forzas de seguridade
Nenos árabes xogando nos terreos da Royal Spanish Academy co consulado de fondo. M.MÉNDEZ
photo_camera Nenos árabes xogando nos terreos da Royal Spanish Academy co consulado de fondo. M.MÉNDEZ

A estrada de Xerusalén a Ramala bordea a muralla construída por Israel para separar a xudeus de árabes. Un muro alto con pinchos na arte de arriba e sementado de cámaras a cada poucos metros, cámaras que sempre apuntan cara o mesmo lado. Os obxectivos dalgunhas poden mesmo meterse nas casas dos palestinos que viven 24 horas de Gran Hermano, a diferenza é que quen os vixía non son redactores dun show televisivo, senón as forzas de seguridade do país que ocupa as súas terras.

Imaxinan vivir así? Ramala é a sede actual do goberno palestino, que ao igual que pensa Israel do seu, debería estar en Xerusalén. Os israelíes teñen o goberno en Tel Aviv e o Parlamento e unha oficina do Primeiro Ministro en Xerusalén, os palestinos nada. As embaixadas tamén están en Tel Aviv, agás a de Estados Unidos —mudada a Xerusalén por Trump— e a de Guatemala. 

En Xerusalén Este, na zona árabe, hai uns cantos consulados. Ao carón do de España, por exemplo, están o dinamerqués e o turco. Xusto enfrente do noso consulado hai un gran parque deportivo, despois del está a enorme comisaría de policía israelí, nunha zona que antes fora árabe .Parecera como que os consulados internacionais fixeran de barreira aos azos expansionistas israelíes. O campo deportivo, por certo, pertence á Royal Spanish Academy. Nos seus ben coidados campos de fútbol e baloncesto xogan ducias de mozos e mozas árabes, xuntos. Moitas levan as camisolas do Real Madrid ou do Barça.

En canto ven polas cámaras de seguridade do consulado que apuntamos cara el coa cámara sae un garda civil. Saudámonos e dinos que todo está tranquilo. Isto só unhas horas despois de que Israel prohibira a este consulado dar servizo aos cidadáns palestinos, en represalia polas palabras da Vicepresidenta Yolanda Díaz: "Palestina será libre desde el río [Xordán] hasta el mar". É unha frase que usan ámbolos dous bandos para delimitaren, o que claman, é a súa terra. Díaz matizounas, logo de que o embaixador a abroncara, vía chío en X, chamándoa ignorante e persoa chea de odio. Díaz dixo que se refería a que quería que os dous pobos, xudeus e árabes, conviviran en cadanseu estado pacificamente entre o río e o mar. Israel Katz, o ministro de exteriores hebreo, tamén lle recomendou á vicepresidente española que aprendera dos 700 anos de dominio islámico na península, o Al Andalus. 

Para calquera estudante español ao que se lle pregunte por esa etapa histórica, de case 800 anos, por certo, dirán que foi esplendorosa para a cultura e para as infraestrucutras. O sur da Península Ibérica estaba bastante máis desenvolvido ca os veciños reinos do norte. De feito, ese case oito séculos foron para a cultura xudía, os anos de maior riqueza e rexurdimento cultural en toda a súa historia. Como xa teño contado nestas páxinas, o Califato permitía a convivencia pacífica entre árabes e xudeus, e durante ese tempo a arte xudía sefardí floreceu, e os xudeus vivían en paz e tranquilos, mentres no resto de Europa eran perseguidos e asasinados. Pois desa época, pídelle con desprezo, e claramente descoñecemento, Kantz a Díaz que aprenda.

Todos sabemos como rematou a dominación islámica do sur da Península, en canto a reconquistaron os Reis Católicos expulsaron aos xudeos, que levaron a súa cultura e as súas riquezas cara Marrocos ou Salónica, entre outros lugares, onde seguiron a usar o ladino ou xudeoespañol até a súa case aniquilación polos nazis. Os mesmos que expulsaron os xudeos de España —dos reinos que formaban o que hoxe coñecemos como tal— son hoxendía heroes para os que defenden dende a Península o sionismo máis duro. En fin, cousas da Historia e da incoherencia.

Volvemos ao consulado español, na súa vitrina de anuncios un edicto sobre un matrimonio mixto en España dunha española e un palestino. Polo momento será o último deste tipo que se colgue aí até que Israel recúe coa súa prohibición.

Nós estamos agardando na porta para unha conexión cando se nos achega un rapaz xudío. Pídenos un favor, ao ser sabath non pode premer ningún botón. A luz da súa casa marchou e ao voltar resulta que ten a neveira e o ar acondicionado apagados e el non pode encendelos.

Dicímoslle que en canto rematemos a conexión imos cara aló, Howie, nin sequera puido escribir o se enderezo no meu móbil por estar en sabath. Cando chegamos á súa casa el estaba a agardarnos na parada de bus. Tivo que tranquilizar a varios veciños aos que lles sorprendía que estiveramos alí, as nosas roupas de cores delatábannos. Howie, estadounidense de pouco máis de 20 anos e de  avoa mexicana, explicábame o difícil que era moitas veces ser fiel ao Sabath.

Dentro do piso a súa muller xogaba cunha nena de tan só uns meses, a calor era insoportable, así que entendo perfectamente a angustia de Howie. Prendimos o ar acondicionado e a neveira que tiña chea de alimentos. Quíxonos pagar con cartos, que por suposto non aceptamos, e non nos deixou saír sen levármonos alomenos algo de comida. Collémoslle un anaco de pan con aceitunas que aínda estaba quente e marchamos deixándoos en familia, como require ese día para os xudeos. Cousas da vida, o meu compañeiro Rafa ao chegarmos ao hotel deu boa conta dese pan co xamón que trouxemos de España. Se o vira Howie...