viernes. 16.04.2021 |
El tiempo
viernes. 16.04.2021
El tiempo

En máis de 100 países segue a practicarse a tortura, segundo Amnistía Internacional

A organización a prol dos dereitos humanos Amnistía Internacional (AI) denuncia no seu informe anual sobre as torturas e malos tratos que estas prácticas persisten en máis de 100 países. Trátase sobre todo de 'terrorismo de Estado' e actuacións das forzas de seguridade, Policía e outras autoridades do Estado.

AI publicou estes datos con motivo do Día Internacional de Apoio ás Vítimas da Tortura, que se celebrou onte. "É preocupante o feito de que non todos os países tomen medidas para erradicar por completo as formas de tortura patrocinadas polo Estado, e que algúns deles, ata estean a fomentala, mentres outras nacións pechan os ollos ou permiten que outros países a practiquen no seu nome”, afirma AI. 

Estados Unidos, á cabeza
“A tendencia, no contexto da guerra contra o terrorismo (impulsada polos EE UU), a lexitimar e ata legalizar o uso da tortura non fai senón acentuar esta preocupación”, afirma o informe. A ONG acusa a Wáshington e aos seus aliados de “abusos sistemáticos” perpetrados no marco da loita antiterrorista, como “reclusións secretas, desaparicións forzadas, torturas e outros tratos crueis, inhumanos e degradantes”. 

AI tamén condena o mantemento da prisión estadounidense na base de Guantánamo, onde están recluídos supostos terroristas  sumidos nun limbo legal e cuxo eventual peche está a estudar a Casa Branca. “Guantánamo e outros centros secretos de detención convertéronse nos últimos tempos en símbolos ostensibles do abuso de poder por parte dos EE UU”, sinala Amnistía. 

Europa, tamén na lista
España tamén é obxecto das críticas de AI, ao asegurar que segue habendo “informes de tortura e malos tratos a mans de funcionarios encargados de facer cumprir a lei”. Esa situación, precisa, vese “agravada pola  falta de investigacións sistemáticas e independentes de tales incidentes”.

Outro país europeo baixo sospeita é o Reino Unido, que “continuou socavando a prohibición universal da tortura ao intentar expulsar persoas ás que consideraba sospeitosas de terrorismo a países con historiais de tortura e outros malos tratos”. Rusia é outro dos países europeos recollidos no informe.

En máis de 100 países segue a practicarse a tortura, segundo...
Comentarios
ç