José de Ribas, fundador de Odesa

Ao carón da estatua en Odesa deste insigne mariño español hai moitas cousas, moitas que por suposto non puidemos gravar
Estatua de José de Ribas, en Odesa. M.M.
photo_camera Estatua de José de Ribas, en Odesa. M.M.

O HOTEL Grande Pettine está moi preto do centro de Odesa, mais parece un lugar apartado do mundo. Para chegar hai que percorrer unhas sinuosas corredoiras, ninguén diría que levan a un resort de 4 estrelas. Está na beiriña do mar, do mar Negro, dende onde lle chegou o ataque que o deixará inoperativo por moito tempo. É de arquitectura típica de Odesa, a min pareceume unha desas casas de ricos na Concha donostiarra. Non moi lonxe del —e tampouco podo dar máis detalles —si que parece haber un claro obxectivo para un ataque ruso. Con non moi lonxe falo duns 70-100 metros, unha barbaridade para eses mísiles ultramodernos que di Rusia que está a usar.

Foi na praia do Pettine, pequeniña e como dixen de difícil acceso, onde por primeira vez puiden meter a man no mar Negro, menos frío que as augas de Foz no verán, sorprendeume. Non é un punto de desembarco, sería unha ratoneira, así que este recuncho de area non está minado, non como o resto de praias de Odesa. Non podemos saber que se lle pasou pola cabeza aos rusos e a quen apuntou cara o hotel, ir por el como emblema do turismo, canda o porto, o pulmón económico da cidade, ou mala puntería. Moito me temo que Rusia tampouco nolo vai dicir.

Os mísiles hoxe en día son como un Tom-Tom ou a aplicación de mapas que usamos no móbil: Siri lévame aquí, e alí vai o mísil. Outro xeito de marcar obxectivos é dende o terreo, con aparellos non máis grandes ca un móbil que marcan cun láser dende até a 3 km do obxectivo onde queremos guiar o mísil. Pero para isto hai que ter xente no terreo. Rusia tena, de feito nas últimas horas e só en Odesa detiveron tres persoas, tres espías que colaboraban con Rusia. Un deles levaba a acreditación que temos os xornalistas, resultou ser falsa.

Xa teño comentado nestas páxinas a molestia que son as identificacións aquí a cada paso que damos, pero molestia non quere dicir queixa, entendémolo e punto. Imos con até 3 acreditacións distintas. A xeral, a que depende do Ministerio de Defensa ucraíno, leva todos os nosos datos, a foto por suposto, e un número de teléfono ao que chaman cada vez que nola piden para comprobaren que efectivamente somos nós. Non entendo como un espía pode ir cunha falsa...

A produción de historias tampouco é doada, leva días conseguir permisos, e a maioría das veces non chos dan. Tentar atopar xente para entrevistar é outro dos hándicaps, malia haber xente na cidade parecera que todas as persoas que nós queremos para as nosas reportaxes teñen fuxido dela.

Odesa foi fundada por un español, José de Ribas, aló polo século XVIII. Hai unha estatua dedicada a el na cidade, ademais unha das avenidas principais leva o seu nome. Poder ir tirarlle uns planos á devandita estatua requeriu de moitas chamadas de teléfono; está na zona militarizada da cidade, non moi lonxe das famosas escaleiras do Potemkin, por certo De Ribas traballou ás ordes do almirante Potemkin, quen deu nome ao barco que deu nome á película. A vida deste home é digna dun guión. Fillo dun catalán, nado en Nápoles, no Nápoles baixo o poder da coroa española, traballou para a armada rusa, mesmo casou coa filla dun ministro da emperatriz Catalina II que o nomeou gobernador de Odesa coa orde de convertela no gran porte que é hoxe. Ao carón da estatua deste insigne mariño hai moitas cousas, moitas que por suposto non puidemos gravar, examináronos minuciosamente cada plano para comprobaren que non se vía nada, do que alí agarda polos rusos se estes chegaran á cidade. Non llo fan doado, imaxino que moito menos que a nós.

Comentarios