Liberia reanuda o comercio de diamantes

O goberno de Liberia reanudará a partires do luns o comercio de diamantes tras seis anos de inactividade, debido á moratoria imposta polas Nacións Unidas en maio de 2001. Así o confirmou o viceministro de Enerxía, Terras e Minería, Kpandeh Fayia.

Dende o vindeiro día 30 calquera poderá “solicitar licenzas de extracción e permisos de venda” de diamantes, a través das novas concesións mineiras e os permisos de habilitación de distribuidores e comerciantes.

Este anuncio prodúcese despois de que no pasado mes de abril, o consello de Seguridade da ONU levantara a prohibición á exportación de diamantes liberianos. O organismo internacional considerou que o goberno da presidenta Ellen Johnson-Sirleaf  tomara as medidas precisas para regular a comercialización desta pedra.

Seis anos de moratoria
No 2001 as Nacións Unidas acusaron ó goberno do entón presidente, Charles Taylor, de empregar os beneficios obtidos polos diamantes para financiar a guerra en Serra Leona. Deste xeito impúxose un embargo sobre o seu comercio neste país, sancións que se adoptaron nos intres máis violentos da guerra civil (1989-2002). As medidas afectaban á importación de armas, exportación de diamantes e madeira e a saída do país dos membros de goberno naquel momento.

En xaneiro do ano 2003 entrou en funcionamento o denominado Proceso de Kimberley, que ten como obxectivo frear a exportación dos coñecidos como 'diamantes de sangue'. A través deste sistema, os países africanos debían exportar as pedras preciosas cunha certificación de 'libres de conflito', mentres que os países exportadores comprometíanse a adquirir no mercado internacional só os que levasen esta certificación.

O pasado 4 de maio, Liberia foi admitida neste Proceso, despois dunha avaliación realizada no país por unha comisión de expertos da Comisión Europea e a antedita decisión da ONU de retirar a prohibición da exportación.

Diamantes de sangue
Esta denominación fai referencia ós diamantes de guerra, obtidos nunha zona en conflito e vendidos para financiar a algunha das faccións. O Fronte Revolucionario Unido de Serra Leona financiou a súa guerra contra as autoridades de Freetown co comercio ilegal destas pedras, que extraían no leste do país e vendían nos mercados presuntamente coordinados por asociados do ex-presidente Taylor, que na actualidade está sendo xulgado por crimes contra a humanidade.

Comentarios