Non foi a derradeira lección do mestre

Mykhailov
photo_camera O mestre Mykhailo Nabonecchniy, no seu despacho. MARCOS MÉNDEZ

Ao escribir isto penso no debuxo de Castelao, a pintura número 6 do seu álbum Galicia Mártir adicada á morte do seu benquerido Alexandre Bóveda. A de hoxe tamén é a historia dun profesor que deu unha lección inesquecíbel para a súa vila, e que por sorte vive para contala.

Quedamos con Mykhailo Nabonecchniy na escola que dirixe. Leva nela 33 anos, de feito aínda lembra cando a escola era un orfanato, el mesmo encargouse de reconvertila nun centro de ensino público. Mykhailo ten 73 anos aínda que non os aparenta. É faladoiro, de feito María, a nosa tradutora, ten problemas para seguir o seu discurso. Métenos no seu despacho, quente, enmoquetado, con olor a pechado. Non hai electricidade, como en boa parte da escola, así que tiramos de flash para as fotos. No lugar non colle nada máis: hai diplomas e cadros por todas as paredes, as librerías están cheas e o seu escritorio está agochado entre pilas de follas. Malia parecer unha tenda de vello, non se ve desordenado.

O día 24 de febreiro do ano pasado oíron por todo Bucha o bombardeo do aeroporto de Gostomel, a só uns quilómetros de alí, oíron pola radio e a televisión que os rusos entraran no país pero non recibiron ningunha comunicación dos seus superiores sobre como tiñan que proceder. Quedaran sós. Esa mesma noite os tanques rusos entraban en Bucha. A mañá do 25, Mykhailo foi abrir a escola como de costume, xa se oía a batalla: os ucraínos estaban a parar a columna de tanques rusos na saída da cidade. Ningún alumno foi ese día a clase. Moitos escaparan de Bucha a tarde anterior cos seus pais, e fixeron ben, porque as rúas de Bucha convertéronse axiña nun inferno. Mykhailo decidíu ficar na súa vila de toda a vida e defender a súa escola.

Empezaron a chegar a ela nais con cativos, os homes escapaban coas defensas territoriais; outros quedaron agochados na vila, moitos dos que atoparon os rusos nas seguintes semanas non sobreviviron. Cando os rusos chegaron á escola recibiunos o propio Mykhailo, explicoulles que no soto había 75 persoas, mulleres e nenos. Os invasores comprobárono e pedíronlle ao director que lles abrira unha por unha todas as aulas e estancias da escola. Segundo Mykhailo, os soldados rusos estaban convencidos de que habería militares da Otan, así llelo indicaran os seus superiores para xustificaren a invasión. Non atoparon os da Otan, nin por suposto homes ucraínos. Iso e a determinación de Mykhailo por defender a súa escola foi o que a salvou, e con ela a vida de 75 persoas.

Quitáronlles os móbiles, Mykhailo agochou o seu nunha bota, pero de pouco lle serviu, porque enseguida quedarían sen luz e sen comunicación, estaban illados e rodeados polo inimigo e sen poderen saír dun soto que noutrora servira de almacén para o internado. Tiñan a comida que levaran con elas as mulleres e a que deixaran os profesores que vivían na escola, logo sobreviviron coa que lles achegaban os voluntarios e a que algunha das mulleres conseguía dos soldados rusos.

O almacén ten varios cuartos, e xusto embaixo deles pasan as tuberías da canalización de auga quente, o que lles serviu para estaren quentiños alomenos os primeiros días, até que esas tuberías tamén se baleiraron. Aí se agocharon e viviron durante o tempo da ocupación Mykhailo e as 75 persoas que salvou. A escola foi bombardeada unha vez, o mísil atravesou a cúpula da igrexa e clavouse no chan da mesma sen estourar, o director teno aínda no seu despacho. O teito está amañado, pero vese claramente por onde entrou o proxectil que estragou o mural da cúpula. "Para quen crea en Deus, isto é un milagre", dime Mykhailo sinalando a cúpula co dedo e o lugar onde quedou clavada a mina co pé.

Di que cre que non os atacaron máis porque preto da escola os rusos montaron a base de operacións da zona, alí estaban os altos mandos dos invasores, xente máis educada cos soldados que arrasaban e mataban sen motivo ningún polo resto da vila. Case non houbo contacto con eles. A Mykhailo, que de vez en cando saía do soto para ir a súa casa a uns 400 metros da escola ou por comida, dixéranlle que non podía levar o gorro negro que acostuma, que con ese gorro parecía un soldado e un día íano matar, así que Mikhailo colleu unha gorra vermella, "amoseilla e dixéronme que ok, que así si"; dalgún xeito esa gorra era o seu salvoconduto. "O que non sabían os rusos é que é unha gorra estadounidense que me regalaran nunha escola de Seattle", di rindo a esgalla. Malia ter certa liberdade e coñecer todos os camiños da vila –mesmo os máis agochados– Mykhailo non quería estar fóra da escola. "Os rusos non deixaban retirar os cadáveres da xente da rúa e era moi triste", sinala.

Os rusos patrullaban a cada pouco a escola para comprobaren que non fora ningún home. Unha muller atreveuse un día a preguntarlle a un deles que por que non marchaban, a resposta deixouna xeada: "Na fronteira están os homes de Kadirov (1), se recuamos torturarannos até morrer, é o que lles fan aos desertores, sería mellor matarnos nós mesmos aquí antes". Mykhailo non sente compaixón polos rusos que invadiron a súa vila, pero distingue entre os soldados que se comportaron como tal e os que saqueaban e mataban. Os propios rusos comentáronlle as zonas que debía evitar se saía da escola porque eran as dos incontrolados que mataban por matar.

Intentaron evacuar a escola en varias ocasións, pero os disparos impedírono. Finalmente, o 11 de marzo, conseguiron, coa axuda do alcalde, abrir un corredor verde para evacuaren aos cativos e a maioría das mulleres, as máis novas. Outras decidiron quedar na escola, e Mykhailo con elas: "Tiña noticias do que facían os rusos noutras escolas, como arrasaban con todo, e non ía permitir que iso pasara na miña. Ves eses computadores? Viñeron do teu país, de Valencia. Foi unha ONG dalí quen os doou, adiquei toda a vida a esta escola, non a ía deixar en mans dos rusos".

O peor de todo foron os dous días previos a que as forzas ucraínas liberaran a cidade (2). "O ceo estaba vermello todo o tempo, as explosións eran continuas, parecía a fin do mundo".

A Mykhailo só lle trema un pouco a voz ao lembrar a Tatiana Popouva, "unha brillantísima alumna do último curso. Apareceu acribillada no seu coche co seu pai. Matáronos cando tentaban fuxir". O director, ademais de profesor de Historia, perdeu catro alumnos: tres asasinados en Bucha, o cuarto morreu en Polonia, aínda non sabe por que, o máis seguro é que chegara xa moi maliño. En Bucha estanse a investigar moitos crimes de guerra, nós chegamos a Mykhailo a través dun organismo internacional, a súa historia está xa documentada para intentar levar algún día aos culpables ante os tribunais internacionais.