Non me insulte, Putin

A historia non se escribe esta noite nin mañá, escribirase dentro de dez anos e, señor Putin, vostede non ha saír ben parado
Un cadáver en las afueras de Bucha. OLEKSANDR RATUSHNIAK
photo_camera Un cadáver en las afueras de Bucha. OLEKSANDR RATUSHNIAK

MONTAXE. Síntome insultado. E ten que ser pouco comparado co que teñen que sentir Vitaly, Aleksander, Tania e tantas e tantos outros que me contaron o que viviron en Bucha e en Irpin durante as 5 semanas que alí estiveron os rusos. Insúltanme a min, Putin e os seus, mais tamén a todas e todos os meus compañeiros que estamos aquí, algúns deles deron a vida por contar o que aquí está a pasar, e ademais de quitarlla queren agora deshonralos. Non, o que aquí pasa non é ningunha montaxe. Bucha existiu. A barbarie contra civís inocentes existiu. A barbarie contra a rapazada que mandou aquí loitar na primeira liña de fronte, e que nunca regresará a Rusia, nin sequera en restos, existe. E até que non se remate con esta invasión seguirá a existir. A historia non se escribe esta noite nin mañá, escribirase dentro de dez anos e, señor Putin, vostede non ha saír ben parado.

Haberá xente que confíe máis ou menos nos medios de comunicación. Haberá xente que se fíe máis ou menos de min. Pero os feitos, os nomes e apelidos dos que vostede enviou á morte, e dos que os seus mataron aquí pasarán á historia como un dos capítulos máis negros deste século tan novo aínda.

Bucha tiña 30.000 habitantes, Mariupol 500.000 e aínda nos queda por saber o que alí está pasando, e en Jerson, en Jarkov, en Chernigov... e en tantos e tantos outros Bucha que quedan por descubrir. Pero saberémolo, porque alí han estar compañeiras e compañeiros meus para contalo. Porque coma hoxe dicía un, isto non é Alepo, aquí hai xornalistas libres de todo o mundo que miran, que oen e que contan. Algúns serán mellores, outros, seguro, seremos máis mediocres, pero non somos parvos. Que me veña con isto da montaxe é insultarnos a todas e todos. E non é que nos importe moito, a min polo menos non, vindo de quen vén, pero dalgún xeito está tamén a insultar a todas e todos os que nos len, si, estavos chamando parvos á cara, e iso xa me mosquea máis.

Os corpos da xente nas rúas ou baixo os cascallos son reais. As historias de atrocidades que nos contan os que as viviron son reais. Ninguén inventa algo así por defender unha causa, un país. Nós pateamos os barrios que vostede bombardea. Vivimos de primeira man os seus ataques, ás veces demasiado de primeira man, pero así é este traballo. Vemos como quedan os sitios que o seu exército ocupou, e falamos coa xente, que é o máis importante de todo isto.

Son moitos anos de profesión, de tratar con xente dos cinco continentes. Políticos, drogadictos, curas, mulleres prostituídas, soldados, relacións públicas... Un ten un sexto sentido para saber cando lla queren meter dobrada, se non o tes mellor non te adiques a isto. E seguro que algunha vez coou, seguro, pero esta non. Levo máis de 40 días aquí. Xa estou canso, si, é tempo de marchar, pero, señor Putin, malia todo o que vin estes 40 días métome na cama tranquilo. É certo que hai días que custa máis conciliar o sono ca outros, pero ao final, se non é unha noite será a seguinte, pero durmo. Non sei o que fará vostede e a súa camarilla, pero sei que se teñen algo de humanidade as noites non han ser moi agradables. Siga chamándome parvo, eu seguirei durmindo tranquilo.