O novo 'videoclip' de Bin Laden, combustible para a maquinaria do medo

Fotograma do suposto vídeo de Bin Laden que se publicará nos próximos días (Foto: Site)
photo_camera Fotograma do suposto vídeo de Bin Laden que se publicará nos próximos días (Foto: Site)
Mesmo se aínda está sen confirmar, a nova aparición de Bin Laden en vídeo foi acollida coa expectación do regreso das grandes estrelas do cine ou da música. Os autores da “filtración”, os dous centros especializados na vixilancia das paxinas web islamistas, SITE Intelligence Group e IntelCenter, indican que Osama prepara “unha declaración de intencións ó pobo americano” con ocasión do sexto aniversario do 11-S.

Segundo un experto do SITE, será un vídeo propagandístico pero sen intención de anunciar un atentado inminente sobre territorio estadounidense. “Proximamente, se Alá quere, será difundido un vídeo de Osama Bin Laden, que Alá o garde”, pode lerse en árabe en sitios islamistas e asinado por As-Sahab, a principal 'produtora publicitaria' de Al-Qaeda. O anuncio vén acompañado dunha foto de Bin Laden, coa barba negra sen as súas canas habituais. ¿Refrito de imaxes antigas ou cura de rexuvenecemento para a súa rentrée?
  
Non sería a primeira vez que un anuncio semellante vén seguido por fragmentos de vídeos antigos ou simplemente polo silencio. En cambio, se realmente aparece un novo 'videoclip', sería a primeira aparición dende outubro do 2004 de quen é considerado o xefe de Al Qaeda. Naquela ocasión irrompeu na carreira electoral de Estados Unidos a catro días das eleccións, axudando a decantar definitivamente a balanza do lado de Bush ó axitar a bandeira da ameaza e do terror. Dende entón, só se difundiron gravacións sonoras, o que levou a especular que a súa morte, anunciada tantas veces, era unha realidade.

O 'espírito Osama'
Incluso se chegou a anunciar un informe do servizo segredo francés que confirmaba  o seu falecemento a causa dunha grave enfermidade renal, algo desmentido pola CIA, que insiste en que “o home máis buscado do mundo” se agocha nalgún lugar na fronteira entre Afganistán e Pakistán. No mes de xullo incluso se dobrou a prima por facilitar calquera información que levase a capturalo, ata os 50 millóns de dólares.

Sexa como sexa, o efecto propagandístico do “espírito Bin Laden” é incuestionable. Cada nova aparición parece insuflar renovados ánimos nos dous bandos da chamada 'Guerra do Terror'.  "Benaventurados os escollidos por Alá para o martirio!”, rezaba Osama na última composición de as-Sahab publicada en xullo, nun refrito de vellas imaxes onde lucía toda a súa parafernalia de 'muyahidin iluminado', traxe militar e kalachnikov incluído.

Nada de referencias temporais actuais, senón que todo o fragmento era unha sentida dedicatoria ós musulmáns que deixen o seu fogar para levar a Yihad a calquera recuncho do globo.  “Mahoma, o último profeta do Islam, tería desexado morrer no martirio”, afirmaba nun ton máis místico que o empregado nas súas últimas gravacións sonoras e con paisaxe bucólico de fondo. Unha breve aparición de 50 segundos, practicamente un cameo.
 
Unha 'diana' na que camuflar o medo
E para os Estados Unidos, o rostro xa arquetípico de Osama permite personificar nunha -diabólica- cabeza visible ameaza do terrorismo global, mesmo se resulta contraditorio coa estrutura multicelular e nodal de Al Qaeda. Nin sequera está claro que se a organización terrorista tivese un líder este fose Bin Laden. Nos últimos tempos, son outras figuras como Ayman al Zawahiri ou Abu al-Yazeed (home forte da organización en Afganistán) os que levan a carga da propaganda e da mensaxe real de Al Qaeda.

A súbita resurrección de Bin Laden, que podería confirmarse coa aparición dun novo vídeo tras todos estes anos supón un aporte extra de combustible para a maquinaria do medo ás portas do sexto aniversario do 11-S. Pouco importa se se está a perseguir unha sombra, unha pantasma. Se cadra, a pantasma máis cara da historia, que máis alá da amenaza e do terror se convertiu nun símbolo que xa forma parte do inconsciente colectivo e da memoria popular.

Comentarios