O cinema en Arabia Saudí

Arabia Saudí é a potencia rexional da Península Arábiga. Ten case 27 millóns de habitantes e un PIB nominal de 348.604 millóns de dólares ao ano, unha cifra que a sitúa no posto 23º de todo o mundo segundo o FMI, xusto por diante de países como Polonia, Noruega, Austria, Sudáfrica ou Arxentina. A súa economía baséase na explotación do petróleo, tendo no seu territorio o 24% das reservas probadas do mundo. As súas cidades dispoñen de rañaceos, bancos e centros comerciais.

Todo isto indica que, a priori, os saudís viven ben. Polas imaxes que temos deles sabemos que a súa poboación máis acomodada vive en luxosas mansións, envía aos fillos ás mellores universidades mundiais, conduce coches de gama alta e fala por teléfonos móbiles de última xeración. Pero hai unha cousa que os saudís non poden facer. Non poden ir ao cinema nin ao teatro. Porque non teñen. Non hai.

Tanto as salas de teatro como as de cinema están prohibidas por lei. Segundo a tradición relixiosa Wahabbi, na enésima demostración práctica do seu fundamentalismo, estes espazos son incompatibeis co Islam. Un podería pensar que consideran a estas artes blasfemas ou algo semellante, pero o problema non está tanto no contido das obras como na súa exhibición pública. Por exemplo, no caso do cinema, aínda que non haxa salas si hai vídeo-clubes. E non hai restriccións para que a xente merque reproductores de DVD, sempre que poida pagalos.

A lexislación saudí non sanciona o visionado privado de filmes. O conservadurismo musulmán dálle liberdade ao individuo no interior do seu fogar, onde é a máxima autoridade sempre que sexa un home, claro, un pai ou un marido. Os vixilantes da moral pública non interveñen nese espazo, pero en ningún caso posibilitan as proxeccións abertas, non vaia ser que se produzan casos de iniciación sexual coma nas salas occidentais dos anos cincuenta. Podería haber moita man solta acochada na escuridade.

Polo tanto, os cinéfilos saudís téñeno difícil. Se son de casa rica poden mercar os filmes pola rede e acumular unha videoteca digna de calquera cinéfilo occidental. A diferenza é que eles non coñecen a experiencia de pantalla, cadeira e flocos de millo nun multicines convencional, e por iso mitifícana, convértena nunha conducta exótica, nun desexo excitante dun mundo mellor.

O filme 'Cinema 500 Km', que quizais poida visionarse no vindeiro Festival Amal de Santiago, retrata a viaxe dun grupo de mozos acomodados de Riad cara Bahrain nunha fin de semana, para ir ao cinema. Cincocentos quilómetros a través do deserto, case sen núcleos de poboación, a unha temperatura ás veces de 50 graos. Por moito que circulen por unha autoestrada nun vehículo de luxo, esa viaxe non debe ser en absoluto agradábel. Nada que ver cun traxecto equivalente na Península Ibérica, dende Santiago a Lisboa ou dende Ourense a Madrid.

Durante a viaxe, eses mozos nunca falan de Antonioni nin de Bergman nin de Wong Kar-wai. Falan dos grandes nomes de Hollywood, como Scorsese ou Spielberg. E cando chegan a un gran multisalas nun centro comercial de Bahrain amosan moito máis interese pola experiencia en si mesma que polo filme en concreto. A ollos dun cinéfilo occidental, estes mozos non semellan nin moi especializados polos seus coñecementos nin moi refinados nos seus gustos. Serían uns cinéfilos convencionais. Mais no contexto restrictivo de Arabia Saudí, eles son unha minoría estraña.

A falta de salas de cinema comercial en Arabia Saudí é, sen dúbida, o menor dos problemas da súa poboación. Moito máis grave é a falta de liberdade das mulleres e dos homosexuais, ou as precarias condicións de vida dos millóns de traballadores non especializados da industria extractiva, un colectivo formado na súa maioría por inmigrantes do sur e do leste de Asia (moitos paquistanís, por exemplo) e tamén do leste de África. Ante estas lacras, a existencia de cinéfilos frustrados vén sendo nada máis que un detalle, unha curiosidade. Unha pequena anomalía dento do espectro social deste país que revela, á súa vez, as grandes anomalías do país.

Comentarios