O islamismo en Pakistán

Disque só un 10% ou un 15% da poboación de Paquistán se adscribe á ideoloxía islamista. En porcentaxe non semella demasiada xente, pero tendo en conta que falamos dunha poboación duns 150 millóns de habitantes esa “minoría” estaría arredor dos 20 millóns de persoas. Así, en número, impresiona máis, sobre todo ao tratarse dun colectivo especialmente activo, capaz de desafiar aos poderes do estado.

Ese pulso entre os islamistas e o presidente de Paquistán, o xeneral Pervez Musharraf, está deixando un rastro lutuoso nas últimas semanas. O mes de xullo comezaba coa toma da Mezquita Vermella de Islamabad pola banda do exército, nunha masacre que deixou unha cifra indeterminada de vítimas: as fontes oficiais só recoñecen uns 83 mortos, pero algunhas testemuñas denunciaron a retirada de case trescentos cadáveres.

Todos eses corpos, fosen dos sublevados ou dos seus reféns, enterráronse ás présas dun día para outro, sen máis identificación que unha clave alfa-numérica no cadaleito para localizar a súa mostra de ADN. Con xestos así, as autoridades deixan ben claro que teñen moito que ocultar. Pero, iso si, entre tanto morto anónimo o exército confirmou de seguida a morte do líder da revolta, o crego radical Abdul Rashid Ghazi, pouco menos que un inimigo persoal do presidente.

Esta solución militar á revolta da Mezquita Vermella non serviu en absoluto para conter as accións do islamismo radical. Nos últimos días sucedéronse os atentados suicidas: xa van dous na Provincia da Fronteira do Noroeste, contra policías e militares, e outro máis en Islamabad, durante un acto de protesta contra Musharraf, onde ía intervir un dos seus adversarios políticos, o ex presidente do Tribunal Supremo, Iftikhar Chaudhry. Moitas novas en poucos días, coa contabilidade lutuosa en plena inflación.

Musharraf: parte do problema / parte da solución
Dende que Musharraf tomou a presidencia mediante un golpe de estado, en outubro de 1999, a súa figura política conservou o poder mantendo unha precaria estabilidade. En teoría, el quere actuar como o árbitro da política paquistaní, continuando coa tradición do intervencionismo militar no sistema político. A fin de contas, Paquistán xa leva tres golpes de estado dende a súa fundación en 1946: primeiro foi o do xeneral Ayyub Kan en 1959, logo o do xeneral Zia ul-Haq en 1977, e agora por último o de Pervez Musharraf. A historia semella avanzar en bucle: primeiro democracia, logo ditadura, e así outra vez, e outra, en ciclos que apenas acadan os vinte anos.

A intervención de Musharraf tiña como obxectivo inicial debilitar aos partidos dos anteriores primeiros ministros, os dous de filiación máis ou menos democrática: o Partido do Pobo Paquistaní, unha formación laica liderada por Benazir Bhutto, e a Liga Musulmá de Paquistán, encabezada por Nawaz Sharif. A estratexia política do xeneral golpista foi fomentar a división entre eles, ao tempo que se apoiaba puntualmente en pequenos partidos islámicos, eses que representan entre o 10% e o 15% da poboación, e que tantos problemas lle están dando agora.

Mentres Musharraf tentaba xogar con todos os actores en conflito a nivel interno, a comunidade internacional non lle deu a benvida ate que os atentados do 11 de Setembro de 2001 en Nova York o converteron no mellor aliado dos Estados Unidos na zona. A partir daquela, o apoio estadounidense permitiulle consolidar o seu liderado, como pago por colaborar con eles na invasión de Afganistán.

Todos estes movementos indican que o xefe do estado paquistaní tenta, en todo momento e en todas as frontes, comportarse como un home providencial, como se fose o único capaz de manter a orde e a estabilidade, por riba de todas as tensións que atravesan o país. É un xogo arriscado, que non sempre semella ter baixo control. Neste 2007, por exemplo, atópase nunha situación delicada se quere gardar as formas: o seu mandato remata e está obrigado pola constitución a convocar eleccións presidenciais e lexislativas. Quizais poida gañar as primeiras, pero tal e como están as cousas os seus partidarios teñen moi difícil acadar a maioría parlamentaria.

O escenario complícase cada vez máis para Musharraf. Dunha banda, o seu enfrontamento sanguento cos islamistas dificulta calquera entendemento futuro. Pero tampouco é que se esforce para mellorar as relacións cos partidos moderados. O xeneral quere ser a solución a todos os conflitos de Paquistán, pero nestes anos se está convertendo máis ben noutro dos seus problemas.

Política-ficción na Provincia da Fronteira Noroeste
Nin sequera a alianza cos Estados Unidos garante nada. George Bush declarou que Musharraf  é o home axeitado para Paquistán neste intre, neste lugar e neste conflito, o que vén significar que o aceptan por ser o único líder dispoñíbel, non polas súas cualidades. Quizais sexa certo que Estados Unidos ten outros proxectos para Paquistán. Pola rede circula un mapa dun “Gran Oriente Medio” reordenado xeopolíticamente segundo os intereses estadounidenses, no que Baluchistán se convertería nun estado independente e a Provincia da Fronteira Noroeste pasaría a pertencer a Afganistán.

É política-ficción, por suposto, pero non deixa de responder a unha realidade: o exército paquistaní non controla ningún deses dous territorios. Aínda menos no caso das zonas tribais da Fronteira Noroeste. Alí é onde a proporción de apoios ao islamismo radical se dispara por riba do 10-15%. Alí é onde os talibáns afganos organizan a súa retagarda. E alí é, tamén, onde moitos sitúan o acocho do mesmísimo Osama Ben Laden. Un punto negro na xeografía de Paquistán. Un baleiro. Unha incógnita.

Comentarios