Onde dixen digo

Anatoly foi visitar a súa muller e fillos nunha casa no monte preto de Bucha. Esta semana o seu corpo aparecía cun tiro na caluga.
Familiares e compañeiros de Anatoly na súa despedida. M. M.
photo_camera Familiares e compañeiros de Anatoly na súa despedida. M. M.

Máis de dúas semanas despois da liberación de Bucha seguen a aparecer mortos baixo os cascallos, ou nos sotos das casas, coma o de Anatoly. Ao seu enterramento acudimos onte (o venres) no cemiterio de Irpín, un camposanto que vai gañándolle terreo ao monte a medida que van aparecendo novos mortos na zona. Anatoly tiña 29 anos.

Era civil pero colaboraba co exército ucraíno. Aleksander, o seu amigo, díxonos que só axudando a construír trincheiras e cavar foxas, probablemente a algo máis: no derradeiro adeus a Anatoly había varios mandos do Servizo de Intelixencia ucraíno aos que non podiamos enfocar coa nosa cámara, tal cal nolo dixeron eles mesmos.

Anatoly levaba semanas desparecido. Un día, e malia telo prohibido polos seus superiores, non aguantou máis e díxolle aos seus colegas que ía visitar á súa muller e fillos nunha casa no monte preto de Bucha. Nunca os víu. Esta semana o seu corpo aparecía nun soto da vila cun tiro na caluga. Recoñecérono por unha tatuaxe e unha marca que tiña na perna e que Aleksander se encargaraba de difundir entre voluntarios e Cruz Vermella.

Mentres escribo estas liñas en moitas igrexas do país están a celebrar a vixilia de Páscoa, que aquí ten o seu día grande hoxe domingo. A Páscoa ortodoxa é unha semana despois ca católica. Haberá vilxilias pero seguramente pouca xente nelas, segue a haber toque de recollida, aínda que esta noite ampliado unha hora.

En Dnipro, a cuarta cidade máis poboada de Ucraína, na parte sur oriental do país onde me atopo agora, hoxe as vistas as igrexas foron constantes pero sen aglomeracións. De todos os xeitos a propia igrexa ortodoxa ucraína pedíulle aos fieis que non acudiran en masa ás igrexas, e a maioría retransmitirá online os seus servizos de mañá.

Di o goberno que calquera lugar, sexa santo ou non, onde haxa moita xente pdería ser un obxectivo para os rusos. Obxectivos que mudan día a día. Hai algo máis de dúas semanas Putin aseguraba que só quería liberar o Donbás, agora resulta que tamén quere o sur do país para unir Transnistria, en Moldova, con Rusia e o propio Donbás.

Se hai dous días Putin lle pedía ao seu ministro de defensa que non atacara aos últimos soldados ucraínos atrincheirados no complexo metalúrxico de Mariupol, que simplemente os bloquerara; hoxe volveron caerlles os mísiles enriba, a eles –entre 1.000 e 2.000 soldados do Batallón de Azov– e ao arredor de 1.000 civís, mulleres, nenos e nenas na súa maioría, que se acubillan nese laberíntico complexo de tuneis de máis de 11 quilómetros cadrados de extensión. Zelenski advertíulle a Putin que se eses homes morren Ucraína abandonaría todo tipo de negociación con Rusia.

Idas e vidas, cambios de planos, de estratexias ou simplemente mentiras para tentar despistar, sexa o que fora o certo é que o actuar ruso, e as súas intencións, son cada día máis impredicibles.

Comentarios