¿A pantasma máis cara da historia?

Fotogramas do último vídeo de Al Qaeda no que aparece Osama Bin Laden (Lauramansfiel.com)
photo_camera Fotogramas do último vídeo de Al Qaeda no que aparece Osama Bin Laden (Lauramansfiel.com)

Días despois de que o Senado dos Estados Unidos duplicara o prezo da cabeza de Bin Laden -vivo ou morto- o "home máis buscado da historia" volve aparecer nun novo vídeo. Malia todo, a súa primeira aparición pública nun ano non aclara a dúbida de se realmente segue vivo, ou se despois de todo non será máis que un arquetipo, unha encarnación do mal como o podería ser Cristo Resucitado da bondade ou da misericordia ou Elvis Presley do Rock & Roll.

Dende a semana pasada, o “inimigo público número 1” de Occidente vale 50 millóns de dólares, unha revalorización do 100% que deixa ridícula á burbulla inmobiliaria. Ben podería tratarse dun dos mitos máis caros da historia, superando ó Yeti ou ó Monstro do Lago Ness. Un vídeo de corenta minutos, composto de  fragmentos antigos na súa maioría, no que o  líder de Al Qaeda se limita a aparece  nun cameo de pouco máis de 50 segundos, como se dunha estrela de Hollywood no ocaso da súa carreira se tratase. 

Chamada ó martirio
“Benaventurados os escollidos por Alá para o martirio!”, reza Osama na última composición de as-Sahab, a 'produtora' de Al Qaeda. “Mahoma, o último profeta do Islam, tería desexado morrer no martirio”, afirma nun ton máis místico que o empregado nas súas últimas gravacións sonoras e con paisaxe bucólico de fondo.

Na aparición do 1 de xullo do ano pasado, bendicía co seu apoio ó novo “home forte” de Al Qaeda en Iraq e ameazaba a todos aqueles países que enviasen tropas contra o réxime islamista que acababa de tomar o poder en Somalia. Mesmo se a dúbida sobre a veracidade seguiu todo este tempo, as diferenzas con este último vídeo son claras. Aquí, nada de referencias temporais actuais, senón que todo é unha sentida dedicatoria a todos os musulmáns que deixaron o seu fogar para levar a Yihad a calquera recuncho do mundo.

¿Que ten de novo? Segundo os expertos da CNN, non sería máis que unha compilación de vellos fragmentos montados recentemente, hai menos de catro semanas. Demasiado pouco para asegurar que Bin Laden segue vivo alí onde a CIA o segue situando, nas zonas tribais entre Afganistán e Pakistán. 

Metamorfose de Al Qaeda
Nos últimos tempos, son outras figuras como Ayman al Zawahiri, ou Abu al-Yazeed (home forte da organización en Afganistán) os que levan a carga da propaganda e da mensaxe real de Al Qaeda.

A propia natureza do vídeo, coa breve aparición dun “Osama de arquivo”, un refrito con toda a súa parafernalia de iluminado, traxe militar e kalachnikov debería facer dubidar do peso real que Bin Laden exerce a día de hoxe nun movemento metamorfoseado nos últimos seis anos.

Máis alá do núcleo duro da organización instalado no Afganistán talibán e no Pakistán anti-Musharraf, cada vez máis grupos autónomos se declaran partícipes da ideoloxía yihadista militar e dos seus métodos terroristas sen pertencer estritamente á vella Al Qaeda. Dende Marrocos ata o sudeste asiático, pasando polas células instaladas en Iraq ou no corazón de Europa, estes movementos operan sobre a base de conflitos antigos como o Líbano ou Palestina.

Demasiado para o simplismo co que a Administración Bush segue loitando na súa "Guerra contra os inimigos de América". A súbita resurrección de Bin Laden tras un ano de silencio e o seu "aumento de caché" serve de combustible para a máquina do medo. Pouco importa se se está a perseguir unha sombra, unha pantasma. Se cadra, a pantasma máis cara da historia. 

Comentarios