Pena de morte para o químico da seita que atacou o metro con gas sarín

O Tribunal Superior de Tokio ratificou hoxe a condena a morte de Seiichi Endo, membro da seita Aum Shinriky? (Verdade Suprema), baixo a acusación de ter intentado asasinar a dúas persoas con gas sarín e gas VX, respectivamente. Estes dous ataques foron perpetrados en 1994 e semella que foron motivados porque as dúas vítimas prestaran o seu apoio a algunhas persoas que abandonaran o culto da seita.

Metro de Tokio
Endo, químico de profesión, era un dos homes de confianza do gurú do grupo, Shoko Asahara, tamén condenado a morte pola xustiza xaponesa. A seita Verdade Suprema foi a autora dos ataques con gas sarín no metro de Tokio, o ataque terrorista máis serio da historia deste país o 20 de marzo de 1995. Deixaron caer paquetes con este tipo de gas líquido no piso dos vagóns, facéndolles buracos antes de saír do tren. Causaron 12 mortos e afectaron a outras 6.000 persoas.

O gas sarín foi desenvolvido polos nazis nos anos 30 e a exposición prolongada a este gas pode provocar ataques, parálise e coma. É inodoro, incoloro e insípido polo que os afectados só se decataron do que acontecía cando comezaron a experimentar os síntomas. Os feridos aínda sofren efectos despois dunha década, con dano cerebral e dificultades respiratorias ou depresión.

Pena de morte
Xapón é un dos poucos países industrializados que segue aplicando a pena de morte e as execucións realízanse arbitrariamente entre aqueles cuxa sentenza xa foi confirmada. Non existe unha normativa sobre os procedementos a levar a cabo, e son as autoridades dos Centros de Detención os que se ocupan de organizalas. O pasado mes de decembro foron executadas catro persoas, co que se puxo fin a unha suspensión non oficial das execucións que durara 15 meses.

Comentarios