Rusia abandona o pacto europeo de limitación de armamento

O presidente ruso, Vladimir Putin, vén de firmar un decreto polo que suspende a adhesión do país ao Tratado de Forzas Armadas Convencionais de Europa (pdf), FACE, que establece un control sobre o armamento despregado entre o Atlántico e os Urais.

O Kremlin informou nun comunicado de que esta decisión se debe a "circunstancias excepcionais que afecta á seguridade do país". Rusia xa expresara anteriormente certas críticas a este tratado, ao considerar que estaba quedando obsoleto e que precisaba dunha actualización.

O FACE asinouse en 1990, un ano antes da desintegración da URSS, entre a OTAN e os países integrados no Pacto de Varsovia (todos os Estados socialistas da Europa do Leste). Trátase dun dos tratados de desarme máis importantes asinados tralo fin da Guerra Fría.

Límites ao despregue de armas convencionais
A firma do tratado respondeu á intención de controlar a escalada armamentísitica poñendo un límite á cantidade de armamento que se pode desplegar en territorio europeo. Regula só o despregue de armamento convencional -é dicir, blindados, artillería pesada e aviación pesada-. Establece ademais "medidas de confianza" entre os países asinantes, como o anuncio previo de grandes manobras do exército ou das inspeccións recíprocas de armamento.

En 1999 fíxose unha reforma do pacto orixinal, coa intención de recoller no texto os cambios xeopolíticos producidos durante a década dos 90. Esta reforma foi ratificada por Rusia, pero non así por todos os países da OTAN, o que lles valeu as críticas do país soviético. Dende aquela, a Federación rusa ameazou en varias ocasións con retirarse do pacto, acusando aos países occidentais de non cumprilo. O último aviso deuno o presidente Putin o pasado mes de abril na mensaxe do Estado da Nación, onde adiantou a posibilidade dunha moratoria do cumprimento do acordo por parte do seu país.

Pola súa banda, os países da Alianza Atlántica basean a súa decisión de non asinar en que Moscova debe retirar as súas tropas de Xeorxia e da rexión moldava de Cisdniéster, onde están en contra da vontade de Moldavia. Tras coñecerse a sinatura do decreto que suspende a adhesión de Rusia ao tratado da FACE, a OTAN criticou a decisión de Putin, tildándoa de "decepcionante" e de "paso na dirección equivocada".

Rusia vs EEUU
A pesar de que a saída do país soviético do tratado de limitación de armas era decisión anunciada, estes días veu precedida dunha certa polémica. O pasado 4 de xullo, Rusia ameazara con instalar mísiles na fronteira con Polonia apuntando cara a Europa, como resposta aos plans estadounidenses de emprazar elementos do seu escudo antinuclear en países europeos.

Os plans de EEUU de instalar parte do seu escudo preto das fronteiras rusas inquedan no Kremlin e a polémica aínda non está pechada. O goberno estadounidense pretende instalar mísiles interceptores en Polonia e un radar na República Checa, ante o temor de ataques procedentes dende países como Corea do Norte ou Irán. Moscova non cre nos temores de Washington e rexeita as súas xustificacións. Estima que a intención real do goberno Bush é instalar armas ofensivas dirixidas en realidade contra Rusia.

Comentarios