Sabotadores e neonazis

Odesa está continuamente no punto de mira dos rusos, que teñen preto de 20 barcos de guerra ameazándoa
Un relixioso bendice comida entregada polo pobo para os militares en Odesa. M.M.
photo_camera Un relixioso bendice comida entregada polo pobo para os militares en Odesa. M.M.

XA O VIVIRA EN KIEV hai semanas, e agora repítese aquí en Odesa. O inimigo non ataca só dende o aire, está dentro, infiltrado no mesmo corazón da cidade. Entre o domingo e o martes houbo aquí un toque de recollida de 31 horas. Dende a terraza do noso hotel vimos todo o día moitas patrullas tanto de militares coma de policía e das defensas territoriais. Os únicos coches que circulaban eran deles ou de emerxencias. A intelixencia ucraína —o SBU— sabía duns plans rusos para tentar desestabilizar esta cidade que é totalmente rusoparlante. Detiveron con armas e municións doce persoas que polo visto estaban preparando algún tipo de ataque.

Odesa está continuamente no punto de mira dos rusos, que teñen preto de 20 barcos de guerra ameazándoa dende o mar Negro. Baixo poder ruso está a illa das serpes, no oeste do mar, digamos que é un Peñón de Xibraltar que funciona de control sobre os barcos que poden chegar ou non a estes portos de Odesa.

Ucraína exporta dende aquí cereal, petróleo, químicos... Odesa é o pulmón económico do país. A toma da cidade sería casi un golpe mortal para a supervivencia mesma do país. Os rusos tentaron chegar aquí dende o comezo da invasión. De feito contaban con que esta parte do país, totalmente rusofalante, fose para eles casi un paseo. En Mikolaiv petaron de súpeto coa realidade. Alí levan parados dende hai casi dous meses, e non son quen de avanzar, polo momento, máis cara a acó.

De avanzar cara ao norte rodeando a cidade, Mikolaiv podería vivir a angustiosa situación que parece está a piques de rematar nas próximas horas en Mariupol. E non me refiro a rematar coa angustia dos que alí quedan, senón que parece cuestión de pouco tempo que os rusos, contradicíndose unha vez máis, acaben cos derradeiros de Mariupol, eses militares do batallón de Azov —integrado dende 2018 na Garda Nacional— que aínda, no momento de escribir estas liñas, resisten en Azovstal. Oxalá sexa esa vitoria, a que lle sirva a Putin para venderse como gañador de algo antes do 9 de maio.

En canto Mariupol estea no seu poder poderá dicir que xa uniu Crimea e Donbas, ademais tería vencido os "neonazis ucraínos": o batallón de Azov comezou sendo así até que se integrou na Garda Nacional e os mandos fundadores e de ideoloxía fascista o abandonaron. Malia todo algo sempre queda: din aquí que até o 20% dos integrantes do batallón poderían compartir esa ideoloxía. Pero o importante é saber se esa vitoria será dabondo para Putin.

Polo momento segue a tentar incomunicar Odesa. Todos os días as defensas antiaéreas da cidade interceptan algún mísil ruso lanzado ben dende Crimea, ben dende o mar Negro. Todos os días caen abatidos drons espías rusos que intentan fotografar as posicións defensivas da cidade. O toque de recollida do luns serviu para desbaratar unha sabotaxe, pero o que aquí todo o mundo pensa e se chegará, e cando, esa grande ofensiva contra a perla do mar Negro. Esta mañá visitamos o lugar do último ataque. Alí morreu un neno, a carón dun mosteiro e unha igrexa. Este mércores os veciños levaban comida aos monxes que a bendicían para logo compartila cos militares.